PuntoGal é unha entidade especial para moitos, porque non todas as culturas teñen un dominio que as represente. Cando chegan estas datas queremos facer un pequeno balance das actividades do ano que está rematando. Sempre axuda para lembrar os traballos dos útimos meses e comezar o novo ano con azos e folgos para continuar as tarefas.
Este é o noso resumo do ano 2023:
Traballamos coa lingua
Aínda non rematara o mes de xaneiro cando presentamos a sexta edición do Concurso de Microrrelatos nunha rolda de prensa conxunta coa Real Academia Galega. E igual que cada ano, todo o mes de febreiro estivo aberto o prazo para a presentación de orixinais e tamén a promoción de prezos nos dominios.
E xa comezando a primavera, puxemos en marcha a colaboración coa CTNL para a promoción de agasallos en galego, a través de sorteos mensuais en redes sociais, cunha alta participación en todas as edicións.
Xuño tamén foi o mes de posta en marcha do convenio que permite aos titulares dos dominios .gal que usen WordPress como plataforma de xestión de contidos gozar de condicións moi vantaxosas para manter a súa web en varios idiomas de xeito automatizado co plugin de Opentrad.
Traballamos coa cultura
En maio puxemos en marcha unha promoción na que se animaba ao público para o uso e as subscricións ao medios de comunicación en galego, na que participamos con Dinahosting e coa Asociación de Medios en Galego. A acción Subscríbete ao galego tivo unha importante repercusión e visibilizou a medios que algunha xente descoñecía.
E co bo tempo chegaron as feiras de autoedición. O patrocinio de PuntoGal axudou a dar continuidade e seguridade ao FunFunFun, que se celebrou e Santiago de Compostela en xuño, ao Autoban, a feira coruñesa que ten lugar en pleno agosto e ao VaiaVaia, que toma Lugo por asalto durante unha fin de semana completa en setembro. As tres feiras tiveron edicións moi concorridas e frutíferas, o que confirma a recuperación despois dos problemas que todos os eventos presenciais tiveron durante a pandemia.
Seguindo coa actividade corporativa, a Asociación pasou a formar parte de xeito activo do padroado do Museo do Pobo Galego, despois de anos de estreita colaboración.
E para pechar o ano, fixemos unha visita ao novo MUVI, o Museo do Videoxogo que cada vez é máis interesante e está máis frecuentado, aínda que tamén leven algunha das súas actividades a fóra da súa sede principal e, por suposto, acudimos ao Culturgal cun posto no que se instalaron todas as entidades que levamos listadas neste resumo e algunha outra máis. Podedes ler o resumo aquí.
PuntoGal coa ciberseguridade
No primeiro trimestre concentramos algúns dos esforzos que estamos facendo desde o dominio no campo da ciberseguridade. Por unha parte, participamos no primeiro encontro do Domain Trust, unha comunidade na que se traballa para facer os dominios máis confiables e seguros. Esta iniciativa parte da Global Cyber Alliance, da que o dominio fai parte. Precisamente con eles, con ciber.gal e co Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia presentamos unha caixa de ferramentas de ciberseguridade para xornalistas.
Tamén no mes de novembro asistimos á reunión do nodo ciber.gal, do que formamos parte e ao que contribuímos, no que se reúnen todos os actores que teñen que ver coa seguridade da rede en Galicia.
PuntoGal, unha ponte ao mundo
No verán tamén mantivemos contactos con outros dominios para organizar unha reunión cos rexistradores autorizados por ICANN en Barcelona, así coma unha reunión dos GeoTLDs en Colonia. Nestas dúas ocasións compartimos plans e ideas de traballo, así como novas sobre novidades que se van achegando tanto desde a dirección de ICANN como desde a UE e que teñen que ver coa seguridade, a privacidade na rede e os dereitos dos usuarios.
En outono tivo lugar a reunión de ICANN, este ano en Alemaña, na que durante unha semana asistimos a reunións, análises e propostas nas sesións que ademais marcaron o vinte cinco aniversario da institución que decide a gobernanza da rede para todo o mundo.
PuntoGal, coa tecnoloxía
Tamén este ano celebramos, coordenado polo CESGA, o día das rapazas nas TIC, que busca promover a presenza feminina nas carreiras e profesións vinculadas coas novas tecnoloxías.
Do mesmo xeito que é habitual, mantivemos un encontro coa Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia para comentar a actualidade da rede en galego e visitamos a escola de Telecomunicacións da UVigo para ver as novas ideas que saen deste colectivo no LprojDay.
Coa re entrada do traballo no outono participamos nun par de eventos profesionais moi destacados. Por unha parte, na RMC organizada por Raiola Networks, e por outra estivemos na WordCamp de Pontevedra da man de Dinahosting.
E falando de celebracións, tamén estivemos na Noite Galega das Telecomunicacións e Sociedade da Información, igual que noutras ocasións.
PuntoGal co deporte
O verán tamén é tempo de deportes ao aire libre. A Federación Galega de Fútbol Gaélico, outra das iniciativas que apoia PuntoGal, foron quen de se desprazar a Derry, no Úlster, on catro seleccións para o mundial deste ano. Dúas femininas e dúas masculinas, que trouxeron de volta a Galicia algún que outro trofeo, constatando que o traballo das GaelicoEscolas empeza a dar froitos.
Outras accións do dominio
Neste ano 2023 non deixamos de lado unha das nosas tarefas permanentes, os contactos con entidades da sociedade civil para colaborar no traballo común. Coma sempre, estes contactos quedan formalizados en convenios entre os que queremos destacar o asinado co Cluster do Ecommerce Galego, de recente creación, e que agrupa ás empresas que venden na rede desde Galicia.
Outros dos patrocinios regulares, neste caso o que nos achega á xente máis nova, e a da First Lego League Galicia, no campus de Ferrol, que convocou máis de trescentas nenas e nenos, e onde entregamos o premio ás novas promesas.
Tamén apoiamos os premios Paraugas, do Clúster da Comunicación de Galicia. Na gala de entrega de premios estivemos presentes e entregamos un deles, aproveitando para estimar as campañas e accións publicitarias e de márketing máis interesantes do ano en Galicia.
Pero ás veces tamén entregamos algún premio no que participamos máis directamente. Este é o caso dos Premios SpinOff PuntoGal, que entregamos no mes de novembro no edificio Fontán en Compostela. Estes premios, nos que colaboramos con GCiencia.gal, queren dar valor á colaboración entre as universidades públicas galegas e as empresas, así como recoñecer o traballo dos grupos de investigación máis destacados.
Por certo, non está mal recordar que o ano 2024, que está a piques de comezar, marca un aniversario especial para nós, un deses números redondos aos que convén estar atento.
Feliz ano a todas.