Novas, Proxectos

PuntoGal patrocina as feiras de Autoedición de Galicia

A Coruña, 24 de agosto de 2023 |Dentro do programa de apoio a iniciativas no ámbito da lingua e a cultura de Galicia, PuntoGal abriu este ano una sección de patrocinios de eventos de autoedición nos que a arte, a edición, a participación e o intercambio comercial van da man.

Trála boa acolida do Movidote de Autoedición de Compostela FunFunFun o pasado 10 de xuño, seguimos colaborando con outras dúas propostas que se achegan este verán:

En agosto o Autobán funciona na Coruña coma o irmán rebelde e gamberro do festival Viñetas desde o Atlántico, con mercado, obradoiros e outras actividades. Neste ano houbo máis de 70 participantes no mercado do sábado, polo que pasaron centos de visitantes, algo que xa se sospeitaba o venres, no que só o aforo do local (e a temperatura) limitou a asistencia ao Autobombo (presentacións das obras presentes no mercado) e ao clásico combate de debuxantes.

En setembro o epicentro da autoedición trasládase a Lugo, co festival VaiaVaia. Dous días de concertos, actividades para todas as idades e, como non, mercado e presentacións nos sotos da praza de abastos de Lugo,  para os que xa se pode ir reservando a data: 0 sábado 23 e o domingo 24. En breve teredes o programa na web e nas redes para irvos facendo unha idea do que poderedes atopar. E, se queredes participar, o prazo de presentación de propostas está aberto.

Recordade que podedes atopar toda a información nas webs de cada un dos festivais:

funfunfun.gal

autoban.gal

vaiavaia.gal