Novas

PuntoGal converterá o seu stand no Culturgal nun espazo de arte, cultura e creación galega

O dominio galego estará presente un ano máis na Feira das Industrias Culturais de Galicia cun programa de actividades que inclúe unha lectura aberta de textos de Xosé Luís Méndez Ferrín, propostas artísticas, música, literatura e videoxogos.

PuntoGal estará un ano máis en Culturgal, a Feira das Industrias Culturais de Galicia, que se celebrará do 27 ao 29 de novembro no Pazo da Cultura de Pontevedra. O dominio galego contará cun stand propio no que desenvolverá un programa de actividades pensado para dar visibilidade a diferentes iniciativas culturais e creativas do país. Nesta edición, PuntoGal volve contar coa colaboración de Gadis.

O stand de PuntoGal converterase nesta ocasión nun espazo dedicado á arte e á creación colectiva. Ao longo dos tres días da feira acollerá as intervencións artísticas de tres proxectos: Kentada, O Rocho das Artes e Solaina.

Kentada é unha asociación cultural autoxestionada de Pontevedra que traballa como espazo de encontro e dinamización cultural, dando cabida a propostas artísticas, exposicións e iniciativas de creadores e creadoras. O Rocho das Artes participará tamén nesta proposta colectiva, achegando a súa intervención artística ao stand. Pola súa banda, Solaina é unha galería de arte situada en Lugo que promove a creación contemporánea e funciona como espazo aberto a diferentes disciplinas artísticas, favorecendo o encontro entre artistas, a exhibición de obras e a difusión de novos proxectos.

As tres propostas presentaranse ao público durante a feira: Kentada o venres, O Rocho das Artes o sábado e a Solaina o domingo. Deste xeito, o stand converterase nun pequeno escaparate da diversidade e vitalidade da creación artística galega.

A programación incluirá tamén a presenza dun equipo da First Lego League Galicia, que participará na feira da man de PuntoGal.

Un programa con arte, música, literatura e tecnoloxía

A actividade no stand comezará o venres 27 ás 12:45 horas coa presentación da intervención artística do Proxecto Kentadas. Pola tarde, ás 17:45 horas, o debuxante Miguelanxo Prado celebrará os 30 anos da súa novela gráfica Trazo de xiz cunha sesión de debuxo en directo. A xornada rematará ás 18:45 horas con Mr. Cool, nun petisco musical da homenaxe a NARF.

O sábado 28, ás 12:45 horas, será a quenda do Proxecto O Rocho das Artes, que presentará a súa intervención artística no stand. A música chegará ás 16:45 horas con ABRIL, gañadoras do Premio Martín Códax na edición de 2026, que ofrecerán un showcase. Ás 17:45 horas presentarase Camiño Kaput, un videoxogo galego, e ás 18:00 horas terá lugar unha das citas máis destacadas da programación: unha convocatoria aberta ao público para realizar unha lectura colectiva de fragmentos da obra de Xosé Luís Méndez Ferrín.

Esta homenaxe ao escritor galego quere converter o stand nun espazo de participación arredor da súa obra, convidando as persoas asistentes a sumarse á lectura e compartir textos dunha das figuras fundamentais da literatura galega. Será unha oportunidade para reivindicar colectivamente a súa escrita e celebrar a forza da literatura en lingua galega.

A programación continuará o domingo 29 ás 12:45 horas cun quecemento para a actividade “Ven e baila”, da man de Artur Puga. Pola tarde, ás 16:45 horas, presentarase a intervención artística da galería a Solaina. O peche das actividades será ás 17:45 horas con “Balbino sobre Neira Vilas”, unha lectura dramatizada con Cándido Pazó arredor da obra do escritor galego.

Unha cita coa cultura galega

PuntoGal convida a todas as persoas que se acheguen a Culturgal a visitar o seu stand e participar nas actividades programadas. A proposta busca ofrecer un espazo aberto á creatividade, á divulgación e á participación, no que teñan cabida distintas manifestacións da cultura galega e iniciativas que contribúen a dinamizala.

Culturgal é a Feira das Industrias Culturais de Galicia, un encontro anual que reúne profesionais, entidades, empresas, creadoras e público arredor da cultura galega. A edición de 2026 volverá converter o Pazo da Cultura de Pontevedra nun escaparate da creación do país, cunha programación que reúne centos de artistas e actividades. PuntoGal forma parte da organización da feira, reafirmando así o seu compromiso coa promoción da lingua e da cultura galegas e co fortalecemento do seu tecido cultural.