Novas
PuntoGal acompaña a Axuntar na entrega dos IV Premios Folgueira en Vilanova de Ozcos
Vilanova de Ozcos, 13 de outubro de 2026 · A Biblioteca de Vilanova de Ozcos acolleu este sábado a entrega dos IV Premios Folgueira, organizados pola Asociación Axuntar para recoñecer o traballo de persoas e entidades comprometidas coa dignificación e difusión do galego de Asturias. Nesta edición, os galardóns recaeron no investigador e divulgador Pablo Quintana López e no catedrático de Filoloxía Románica Francisco Fernández Rei.
O acto contou coa participación de Manuel González González, presidente de PuntoGal, entidade que patrocinou esta cuarta edición dos premios, nunha xornada dedicada a poñer en valor a lingua, a cultura e o patrimonio galegos dos territorios de fala galega de Asturias.
Na súa intervención, González destacou que “todas as linguas que non teñen un gran número de falantes e que non son a lingua oficial dun estado, teñen dificultades para asegurar o futuro. Non hai dúbida de que o occidente de Asturias constitúe unha comunidade linguística, segundo establece a Declaración Universal dos dereitos lingüísticos: trátase dun grupo humano asentado historicamente nun espacio territorial, recoñecido ou non, que desenvolveu unha lingua común. E a lingua que desenvolveu este grupo humano non hai dúbida de que é o galego. Un grave problema que afecta o galego de Asturias, así como o de Castela e León e de Estremadura é o da visibilidade. Hoxe o medio máis poderoso de facerse visible no mundo é Internet. Esta foi a principal razón do traballo pola obtención do dominio PuntoGal, que dese acollida á comunidade galego-falante de todo o mundo, por riba da súa pertenza a estados, entidades políticas ou administrativas distintas. O dominio puntogal non ten carácter político, nin ideolóxico, pretende ser un nexo de unión de todos os falantes de galego, pertenzan a Galicia, a Asturias ou a Arxentina.”
“A colaboración cunha asociación como Axuntar, que ten como principal finalidade a normalización del galego de Asturias, é case unha obriga. Contade connosco tamén para a continuidade desta feliz iniciativa que é a institución dos premios Folgueira para recoñecer o traballo a prol da dignificación e normalización da lingua galega en Asturias”, rematou González.
A participación de PuntoGal nos Premios Folgueira enmárcase no compromiso da entidade coa promoción da lingua e da cultura galegas e co apoio a iniciativas que contribúen a visibilizar a diversidade da comunidade galegofalante. Para a entidade, o recoñecemento a persoas como Pablo Quintana e Francisco Fernández Rei permite tamén poñer o foco no traballo desenvolvido ao longo de décadas para preservar e transmitir este patrimonio lingüístico e cultural.
Recoñecemento a dúas traxectorias
O Premio Folgueira 2026 a Pablo Quintana López recoñece a súa traxectoria como investigador, divulgador e responsable da Editorial Canela. O seu traballo editorial presta especial atención á cultura da comarca dos Ozcos e do territorio fronteirizo entre Asturias e Galicia, incluíndo a colección de literatura en galego de Asturias Filso da Bovia.
Pola súa banda, Francisco Fernández Rei foi distinguido pola súa ampla contribución ao estudo das variedades galegas e, especialmente, polo seu vínculo co galego de Asturias. Catedrático de Filoloxía Románica, formou parte do Instituto da Lingua Galega, participou no Atlas Lingüístico Galego, foi responsable do Arquivo do Galego Oral e membro da Real Academia Galega. Entre os seus traballos destaca a súa participación na elaboración das primeiras Normas Ortográficas e Morfolóxicas del galego de Asturias, publicadas en 1990.
A presidenta de Axuntar, Natalia Jardón Pérez, recordou os aspectos fundamentais do último informe do Consello de Europa respecto ao galego de Asturias, publicado en 2024, no que se lle pide ao Principado que coopere coas outras Comunidades Autónomas galegofalantes (Galicia, Castela e León). Neste sentido, Jardón agradeceu a presenza do presidente da RAG, Henrique Monteagudo Romero, á vez que criticou a ausencia das autoridades asturianas en materia de cultura e política lingüística, as cales declinaron á invitación con escritos en asturiano e castelán.
Pola súa banda, o profesor da Universidade de Oviedo Xabier Barcia López, especialista nos traballos de Dámaso Alonso sobre os Ozcos, salientou a relevancia dos textos do Convento de Santa María de Vilanova para o estudo do galego medieval, e deu mostra dun texto datado no s. XIII, parte da colección del mosteiro recollida polo historiador José Antonio Álvarez Castrillón.
Catro edicións recoñecendo a lingua e a cultura
Desde a súa creación en 2023, os Premios Folgueira distinguiron diferentes persoas vinculadas á defensa, estudo e difusión da lingua e da cultura galegas en Asturias. A primeira edición recoñeceu ao músico e artista Rodrigo Cuevas e ao informático Juan Carlos Riopedre Villa, mentres que Benigno Fernández Braña, primeiro presidente da Mesa prá Defensa del Galego de Asturias, recibiu o nomeamento de Socio de Honor.
En 2024, o premio recaeu no investigador e académico Carlos Xesús Varela Aenlle, e o Folgueira de Honor foi para Xoán Babarro González. Na edición de 2025, os galardoados foron o xornalista Xabier Fortes López e o profesor Antonio José Meilán García, distinguido co Folgueira de Honor.
Co patrocinio desta cuarta edición, PuntoGal reafirma o seu apoio ás iniciativas que traballan pola lingua galega, a súa presenza social e a preservación do patrimonio cultural da comunidade galegofalante, independentemente do territorio administrativo de Galicia.