A Asociación PuntoGal foi a responsable de preparar, promover e presentar a candidatura para a consecución do dominio .gal
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego. Como rexistro, ten entre as súas funcións manter operativos todos os nomes rexistrados baixo o paraugas de .GAL cumprindo as distintas normativas internacionais de funcionamento da rede. Pero PuntoGal é moito máis que iso. Sobre todo, é a historia do éxito dun esforzo común de país. Un símbolo de que, traballando xuntos, podemos obter calquera cousa. Ninguén podía pensar que Galicia podería ter un dominio propio para identificarnos na rede e, sen embargo, formamos parte dese club de forma oficial desde 2013.
Sen embargo, o camiño non foi sinxelo. Nin moito menos. Cando quince entidades constituíron en 2006 PuntoGal, ningunha das persoas reunidas para a ocasión no Auditorio de Galicia en Santiago de Compostela pensaban que o camiño ía ser tan longo. Os sete longos anos que pasaron ata completar o proceso foron complexos por moitos motivos, pero tamén supuxeron unha gran oportunidade para dar a coñecer o dominio e obter o apoio da sociedade civil do país. PuntoGal son 115 entidades asociadas , pero polo camiño recibiu o respaldo de miles de persoas que asinaron pola candidatura galega, dos partidos políticos e das institucións, dos máis de 90 pioneiros que deron o salto inicial apostando polo dominio e de todas e cada unha das empresas, organizacións, asociacións de base, colexios profesionais, medios de comunicación, persoas a título individual ou institucións que fan crecer cada día un pouco máis este proxecto. Se queres coñecer máis sobre a historia do dominio, preme aquí.
Hoxe, PuntoGal é un dominio a pleno funcionamento, integrado nas estruturas de xestión da rede a nivel internacional, cun parque de rexistros en crecemento e cunha taxa de renovación do 90%, e cun programa corporativo de apoio a iniciativas no ámbito da lingua, a cultura e a tecnoloxía en Galicia que abrangue desde os deportes ata os podcast, pasando pola creación literaria ou os premios á innovación científico-técnica. Pero, sobre todo, é unha entidade independente cunha folla de ruta clara e definida. Estes son os tres ámbitos onde desenvolve o seu labor diario:
Xestión de dominios
A ICANN (Axencia de Internet para a asignación de nomes e números) é a autoridade internacional que xestiona os dominios da rede, entre outras funcións de regulamentación de internet. Esta entidade non gobernamental, onde está representada toda a industria da rede, delega cada rexistro nunha entidade que cumpre todos os seus requisitos técnicos, operativos e económicos. Isto é necesario para que calquera rexistrador –as empresas que venden dominios ao público xeral- poidan solicitar ter o .GAL no seu catálogo con todas as garantías de funcionamento. PuntoGal, polo tanto, xestiona o rexistro e fomenta a venda de dominios .GAL co obxectivo de crear e manter unha comunidade relevante arredor da lingua e a cultura galegas. Para obter máis información sobre o funcionamento da ICANN, podes consultar aquí máis información. E, se queres ver en detalle como desenvolvemos esta función, visita a páxina dominio.gal.
Acción corporativa
Como entidade sen ánimo de lucro, PuntoGal destina unha parte importante dos recursos económicos que obtén da venda de dominios, unha vez pagadas as partidas dedicadas ao funcionamento do rexistro, ao seu programa de acción corporativa con entidades da lingua, a cultura, a tecnoloxía ou calquera outro ámbito relacionado co país. Polo tanto, cantos máis dominios teña no seu parque, máis actividades deste tipo poderá desenvolver. Na sección de proxectos da web pódese consultar en detalle os proxectos nos que estamos. Gústannos todos e cada un deles, polos seus obxectivos, polo seu potencial de crecemento, pola súa capacidade normalizadora da lingua, polas entidades que están detrás, pola súa forma de traballar para Galicia. Na medida das nosas posibilidades, sempre estamos abertos a botar unha man noutras ideas. Se tes algunha, agardamos as túas suxestións en info@dominio.gal
Representación: PuntoGal
Como membro activo da comunidade de internet a nivel global, representa a Galicia ante organismos internacionais que deciden sobre o funcionamento da rede ou o seu futuro, como é o caso da ICANN. Facemos que a nosa voz, e tamén o noso idioma, se escoite neses foros. Para iso tamén nos integramos noutras organizacións, como os GeoTLDs, que agrupa a todos os dominios de orde xeográfica a cultural e onde falamos con cataláns, vascos, bretóns, escoceses ou tiroleses para colaborar nas cuestións que compartimos. Podes obter máis información sobre os GeoTLDs na súa páxina ou vendo este vídeo. De xeito máis formal, estas cuestións plantéxanse tamén ante ICANN e o GNSO (Generic Names Supporting Organization) desde outro grupo de traballo no que estamos presentes, o RySG (Registries Stakeholder Group), ao que tamén tentamos levar unha perspectiva galega. Tes máis información sobre eles, aquí. PuntoGal participa activamente nas reunións, congresos e foros onde se fala de internet e esa, polo tanto, é a súa terceira pero non menor función.
En resumo, PuntoGal é unha entidade aberta con espírito de colaboración. Con calquera persoa ou entidade. Temos as orellas abertas, así que contacta con nós se pensas que podemos botar unha man.