Novas, Novas de interese

PuntoGal colabora co Día das Rapazas nas TIC

A Coruña, 22 de abril de 2024.- PuntoGal colabora un ano máis co Día Internacional das rapazas nas TIC que se celebra o día 25 no Centro de Supercomputación de Galicia. A xornada está organizado polo Centro de Supercomputación de Galicia, a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática e o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes (CITIUS).

O Día das Rapazas nas TIC é unha celebración a nivel internacional orientada a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC para o seu desenvolvemento académico e laboral. O proxecto ICT-Go-Girls, que vai asociado a esta data é unha iniciativa que se deseñou para mellorar as competencias empresariais nas rapazas de secundaria, usando as TIC como elemento chave, propocionándolles habilidades, coñecementos e valores para axudalas a crear futuras oportunidades para innovación e calidade do emprego relacionado coas TIC. Entre os seus obxectivos están a mellora de habilidades emprendedora entre as alumnas, a promoción das TIC e de habilidades transversais, a colaboración entre os ámbitos empresariais e académicos e a creación dunha rede sostible de colaboración a nivel europeo.

As actividades dese día pola mañá inclúen un faladoiro mediante multiconferencia web dirixido aos centros educativos de primaria e secundaria na que participarán catro profesionais galegas, que amosarán a realidade do seu traballo coas TICs da nosa comunidade: Antía Fernández López, Enxeñeira de Telecomunicacións que traballa en proxectos de I+D para distintos sectores en GRADIANT; Lorena Fernández Fernández, graduada en matemáticas e traballadora do CESGA en Intelixencia Artificial aplicada á industria; Olalla Rama, graduada en Enxeñaría Informática cunha traxectoria profesional ligada a ciberseguridade; e Noemi Basanta, arquitecta con experiencia en espazos de xogo infantís e investigadora da UDC.

Pola tarde, de 17 a 19 horas, organízase para rapaces e rapazas de entre 10 a 16 anos unha “Ruta das Exploradoras Dixitais” na contorna de Compostela, con diferentes actividades relacionadas coa tecnoloxía e o “rol das mulleres no ámbito TIC”, visitas e actividades TIC no CESGA e CiTIUS.

Axenda de actos:

10:45: Apertura do Día das Rapazas nas TIC por parte das autoridades. Lugar: CESGA

11:00:Comezo do coloquio do “XII Día das Rapazas nas TIC”

12:30: Peche do coloquio

17:00: Inicio da actividade extraescolar “Ruta das Exploradoras Dixitais”. Lugar: CESGA e CITIUS

19:00: Peche da actividade “Ruta das Exploradoras Dixitais”

Máis información sobre o programa e as inscricións, aquí: e-learning.cesga.es/ictgogirls/#anchor