Novas, Novas de interese

PuntoGal patrocina a III Edición do certame de programación universitaria AdaByron

II edición Ada Byron na ETSE da USC

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2024 | PuntoGal  colabora este ano na terceira edición do certame Ada Byron, que busca os mellores equipos universitarios de programación competitiva entre os tres centros do Sistema Universitario Galego que ofertan Grados en Enxeñaría Informática: Facultade de Informática da UDC, Escola Técnica Superior de Enxeñaría da USC e Escola Superior de Enxeñaría Informática de UVIGO.

Nesta competición, organizada polo Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG), o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) e as tres universidades galegas, equipos de tres estudantes que cursen calquera dos grados que se imparten nos centros organizadores competirán durante catro horas tentando resolver entre oito e doce problemas, de maior ou menor complexidade.

A proba terá lugar o próximo 12 de abril en horario de tarde e os mellores clasificados representarán a Galicia na X edición do Concurso Nacional que se celebrará a comezos de xullo na Facultade de Informática da Universidad Complutense de Madrid.

AdaByron é un concurso que nace na Universidad de Madrid e que dende 2022 esta aberto a outras comunidades. Nesta competición mídense as habilidades e destrezas de programación dos estudantes universitarios.A proba é a antesala do certame internacional de programación ICPC (International Collegiate Programming Contest) no que equipos de tres participantes, representando a súa universidade, traballan para resolver “os problemas máis reais, fomentando a colaboración, creatividade, innovación e a capacidade de actuar baixo presión”.

O concurso leva o nome de Ada Byron, tamén coñecida como Ada Lovelace, matemática e escritora británica do século XIX , célebre polo seu traballo acerca da computadora mecánica.

Esta colaboración forma parte do convenio marco de colaboración que PuntoGal e o CPEIG para fomentar o desenvolvemento de actividades e proxectos comúns.

Para máis información pódese consultar a páxina: ada-byron.es/2024/reg/galicia/.