Novas destacadas, Proxectos

PuntoGal reforza o seu apoio decidido ao fútbol gaélico cun novo convenio de patrocinio

  • O novo acordo fai especial fincapé no deporte de base mediante as Gaélico Escolas PuntoGal e nas seleccións galegas femininas e masculinas e a súa proxección internacional

 

  • O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, confirmou a “aposta continuada do dominio co fútbol gaélico, un deporte que encaixa á perfección cos nosos valores corporativos”. O presidente da AGFG, ÁngelNegrete, sinalou que “o compromiso de PuntoGal permitirá que o fútbol gaélico siga crecendo tanto entre os máis novos como no marco das seleccións”.

 

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2024.- As oficinas da delegación santiaguesa da Federación Galega de Fútbol (FGF), situadas no estadio municipal Vero Boquete de San Lázaro, acolleron este mediodía o acto de sinatura do acordo polo que PuntoGal aumenta as súas achegas á Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) para este ano 2024. Na sinatura do convenio participaron o presidente da Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG), Ángel Negrete, e o director xeral do dominio, Darío Janeiro. O acto serviu para poñer de manifesto a aposta continuada do dominio por este deporte e a boa sintonía existente entre as dúas entidades.

 

Na súa intervención, ÁngelNegrete destacou a importancia deste convenio de patrocinio que “nos permitirá seguir crecendo como referencia do fútbol gaélico a nivel internacional a través da Seleccións Galegas e as gaélico escolas, que pasan a se denominar Gaélico Escolas PuntoGal, para reafirmar a colaboración entre ambas organizacións”. “As achegas deste tipo -engadiu Negrete- son imprescindibles para poder afrontar retos como a participación das Seleccións en torneos internacionais. A este respecto, é necesario lembrar que somos unha asociación amateur e que tanto os xogadores e xogadoras como o corpo técnico e outros membros da AGFG realizamos importantes sacrificios persoais e económicos para competir”.

 

Pola súa parte, o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, sinalou no acto de presentación que “PuntoGal, como entidade cun obxectivo social e de vinculación do país, mantén un programa corporativo de colaboración con entidades que desenvolven actividades vencelladas á cultura, á lingua, á tecnoloxía ou ao deporte galegos. O fútbol gaélico e a asociación que o xestiona representan perfectamente ese espírito de traballo base co que nos sentimos moi orgullosos e agradecidos de colaborar”. Janeiro lembrou que o crecemento no número de dominios rexistrados irá posibilitando, pouco a pouco, máis accións deste tipo que, na súa opinión “constitúen unha das razóns de ser de PuntoGal”. “Este convenio, rematou, é simplemente poñer negro sobre branco a sintonía entre ambas entidades nos últimos anos. Os éxitos dos equipos de fútbol gaélico son os nosos”.

 

A Federación Galega de Fútbol Gaélico xa ten máis de 300 membros. Actualmente hai quince equipos senior nas competicións de liga, dos que seis son femininos. No ano 2023 a federación fixo un esforzo de difusión do deporte que conseguiu que máis de 1.500 nenos tiveran contacto co fútbol gaélico a través de demostracións, obradoiros e torneos coma o Torneo de Nadal PuntoGal, que se celebra cada ano en decembro. Este traballo se incrementará en 2024 grazas a aportación de PuntoGal.

 

Sobre PuntoGal

PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai máis de 7.000 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.

Sobre a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG)

A Asociación Galega de Fútbol Gaélico é o organismo regulador oficial do fútbol gaélico en Galicia, dende a súa aprobación oficial na convención Europea dos deportes gaélicos en decembro de 2013, o cal lles garante o carácter oficial internacional recoñecido polo máximo órgano, a Gaelic Athletic Asociation (GAA). A entidade encárgase de organizar as competicións galegas de fútbol gaélico (Liga, Copa, All-Galicia, etc.), da xestión da Selección Galega de Fútbol Gaélico e da organización de eventos deportivos asociados ao fútbol gaélico. Para máis información: gaelicogalego.gal e gaelicoescolas.gal