11 de marzo de 2024, Santiago de Compostela· PuntoGal acaba de asinar un convenio de colaboración co CITIUS, o centro de investigación da USC que acolle o congreso PROPOR24 entre os días 12 e 14 de marzo en Santiago de Compostela.
O convenio ofrecerá apoio para a celebración do congreso e tamén acceso a altas de dominio con descontos interesantes para as iniciativas a proxectos relacionados coa lingüística computacional que se exporán no mesmo, facilitando a súa difusión tanto no campos académico coma no público, especialmente nos proxectos que buscan a colaboración dos falantes para a construción de corpus de lingua.
O congreso, de frecuencia bianual, é o número 16 e é o primeiro que ten lugar fóra de Portugal ou Brasil. Terá lugar en Santiago e alternará obradoiros prácticos, exposición de papers, coloquios e sesións de carácter máis social con demostracións e encontros que buscan a conexión do mundo da empresa coas universidades e centros de investigación. Neste sentido asistirán empresas que así o solicitaron e outras invitadas directamente pola organización polo seu interese para a comunidade.
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai máis de 7.000 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.
Sobre PROPOR
PROPOR – Conferencia Internacional sobre o Processamento Computacional da Língua Portuguesa é un evento que se organiza dende 1993, sendo a conferencia principal sobre a Tecnoloxía da Lingua Portuguesa, co obxectivo de presentar os resultados da investigación académica e tecnolóxica e a cooperación entre grupos de investigación na área. Realízase cada dous anos.Para máis información: propor2024.citius.gal