A Coruña, 4 de marzo de 2024.- Este sábado, día 2 de marzo, celebrouse a décima edición da FIRST LEGO League Galicia no que PuntoGal colaborou por sétimo ano consecutivo como patrocinador. A FIRST LEGO League é un programa internacional que fomenta as vocacións científicas e tecnolóxicas entre mozos e mozas, a través dun desafío que os equipos deben resolver.O evento, no que participaron máis de 300 rapaces e rapazas dos centros escolares galegos, está organizado pola Universidade da Coruña, a través da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol e o Campus Industrial.
O desafío deste ano leva por título MASTER MIND. O seu obxectivo é que os e as participantes demostren como integrar as áreas científicas STEM (acrónimo de ciencia, tecnoloxía, enxeñaría e matemáticas) coas artes mediante distintos desafíos construtivos. Os retos pretenden empoderar ás e aos escolares mediante o deseño e a construción de mundos con infinitas posibilidades.A organización do certame sinala que a “FIRST LEGO axúdalles aos equipos a descubrir a diversión e a emoción da ciencia, da tecnoloxía, da enxeñaría e das matemáticas mentres resolven problemáticas reais”. Os equipos crearon e probaron robots autónomos e operados por controladores cos que superaron distintas probas durante o torneo.
O evento tivo lugar na Facultade de Humanidades e Documentación e na Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol, mentres que o Xogo do Robot se disputou no Pavillón de Esteiro. O Auditorio Municipal de Ferrol acolleu a entrega de premios, xa en horario de tarde.
Estes son os equipos vencedores nas distintas categorías:
- Primeiro Premio Ingeniera Soy ao Gañador – G4Z4F4NT4SM4S, Gazapo Xestión (Narón, A Coruña)
- Segundo Premio Universidade da Coruña ao Gañador – Elementals, Captioma Galicia (Ourense)
- Primeiro Premio Concello de Ferrol aos Valores FIRST – Las Acacias BOT, Colexio Montecastelo (Vigo, Pontevedra)
- Segundo Premio Deputación da Coruña aos Valores FIRST – MEGA RIBEIRA SUPER LEGO, MEGA Riveira (Ribeira, A Coruña)
- Primeiro Premio Xunta de Galicia ao Proxecto de Innovación – Os robots do pazo, IES de Fene (Fene, A Coruña)
- Segundo Premio Icoiig ao Proxecto de Innovación – PINTUZ4POS, Gazapo Xestión (Narón, A Coruña)
- Primeiro Premio ao Deseño do Robot – Montecastelo BOT, Colexio Montecastelo (Vigo, Pontevedra)
- Segundo Premio ao Deseño do Robot – MEGA BUILDER TEAM, MEGA Riveira (Ribeira, A Coruña)
- Premio ao Comportamento do Robot – MEGA BUILDER TEAM, MEGA Riveira (Ribeira, A Coruña)
- Premio Gabadi á Execelencia en Enxeñaría – ROBTIGUEIRA, IES de Ortigueira (Ortigueira, A Coruña)
- Premio PuntoGa lás Novas Promesas – CTRL+T, IES As Telleiras (Narón, A Coruña)
- Premio ao adestrador/a – Teresa Cercido Galdo de CTRL+T
- Nominación National Innovation Award – Os robots do pazo, IES de Fene (Fene, A Coruña)
PuntoGal entregou o premio “As novas promesas”, que recoñece ao equipo que os xuíces consideraron que destacaba especialmente e do que esperan grandes avances no futuro. CTRL+T, do Clube de Ciencias do IES As Telleiras de Narón, fixo unha presentación acorde cos valores da competición e fixeron un bo traballo no xogo do robot. O proxecto versaba sobre representar cadros en diferentes formatos e texturas. Tras unha colaboración co clube de costura, fixeron unha versión reciclando telas para plasmar “A moza da perla” de J. Vermeer. O cadro representárono con lentellas e, por suposto, tamén con pezas de Lego. De xeito similar, empregaron un programa para facer unha representación no ordenador
O equipo G4Z4F4NT4SM4S,da escola multidisciplinar Gazapo de Narón, e o equipo Elementals, da academia Captioma de Ourense,serán os representantes galegos na final nacional da FIRST LEGO League que terá lugar, o vindeiro 16 de marzo, no Edificio do Paraninfo e na Facultade de Dereito da Universidade de Alacante.
PuntoGal mantén un convenio de colaboración e patrocinio coa Universidade da Coruña para apoiar este evento, que forma parte da área de proxectos institucionais apoiados dende o dominio.