Novas
PuntoGal renova a colaboración coa Folkoteca Galega no seu 15.º aniversario
A entidade continúa apoiando o proxecto de recuperación e difusión da música tradicional galega, que estrea unha nova versión da súa web
Santiago de Compostela, 12 de novembro de 2026.– PuntoGal e Folkoteca Galega renovan un ano máis a súa colaboración para impulsar a dixitalización, conservación e difusión da música tradicional galega. O acordo dá continuidade a unha relación que se mantén desde hai anos e que coincide cunha data especial para o proxecto: o 15.º aniversario da posta en marcha de folkotecagalega.gal.
Durante estes quince anos, a Folkoteca Galega traballou na recompilación, clasificación e dixitalización de materiais relacionados coa música tradicional, poñéndoos ao alcance de todas as persoas interesadas a través da Internet. O proxecto, de carácter colaborativo e sen ánimo de lucro, naceu co obxectivo de facilitar o acceso a recursos que permitan coñecer, aprender, interpretar e empregar este patrimonio musical, tamén no ámbito educativo.
A renovación da colaboración chega, ademais, acompañada dunha actualización da súa presenza dixital, cunha nova versión da web folkotecagalega.gal, que continúa a ser o principal espazo de consulta e difusión dos seus fondos. Nela pódense atopar cantigas tradicionais nas súas diferentes variantes, así como reproducións das súas partituras e outros materiais para achegarse á música popular galega.
Ao longo destes quince anos, a plataforma contribuíu a preservar e compartir un patrimonio musical transmitido de xeración en xeración, facilitando que estes recursos poidan ser consultados e aproveitados por músicos, docentes, investigadores e público en xeral.
Pola súa banda, PuntoGal enmarca esta colaboración nas súas accións corporativas de apoio a iniciativas que contribúen á promoción da lingua, a cultura e as tecnoloxías da información e a comunicación en Galicia. A entidade considera que a presenza destes proxectos na rede, baixo o dominio .gal, tamén permite reforzar a visibilidade da cultura galega no ámbito dixital.