Novas

Axuntar entrega os IV Premios Folgueira 2026 en Vilanova de Ozcos

A Coruña, 1 de outubro de 2026 · A Asociación Axuntar, entidade dedicada á normalización do galego de Asturias, celebrará o vindeiro 10 de outubro a entrega dos IV Premios Folgueira, uns galardóns cos que cada ano recoñece o traballo de persoas e institucións a prol da dignificación, difusión e defensa do galego de Asturias.

A presente edición distinguirá ao investigador e divulgador do patrimonio cultural Pablo Quintana López, responsable da Editorial Canela, e ao catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela Francisco Fernández Rei, pola súa contribución ao estudo, promoción e normalización da lingua galega en Asturias.

O acto terá lugar ás 16:30 horas na Biblioteca de Vilanova de Ozcos, terra natal de Pablo Quintana, e contará coa participación de Manuel González González, presidente de PuntoGal, que intervirá nunha celebración que pon en valor a lingua e o patrimonio cultural do territorio galegofalante de Asturias. PuntoGal, entidade xestora do dominio .gal, patrocina esta cuarta edición dos Premios Folgueira, como parte do seu compromiso coa lingua, a cultura e a comunidade galegofalante independentemente das fronteiras administrativas de Galicia.

Xunto a Manuel González, no acto intervirán tamén Xabier Barcia López, profesor da Universidade de Oviedo e especialista nos traballos de Dámaso Alonso sobre os Ozcos, e Natalia Jardón Pérez, presidenta de Axuntar.

Dous recoñecementos á lingua e á cultura

O premio a Pablo Quintana López recoñece a súa constante actividade editorial, cultural e de divulgación en defensa da lingua e do patrimonio oral e escrito. Como responsable da Editorial Canela, desenvolve un labor centrado na promoción da literatura e da cultura galega, con especial atención á riqueza cultural da comarca fronteiriza entre Asturias e Galicia. A editorial conta, entre outras iniciativas, coa colección de literatura en galego de Asturias Filso da Bovia.

Pola súa banda, Francisco Fernández Rei recibe o Premio Folgueira pola súa dilatada traxectoria no estudo e defensa das variedades galegas. Catedrático de Filoloxía Románica, formou parte do Instituto da Lingua Galega, participou no equipo redactor do Atlas Lingüístico Galego, foi responsable do Arquivo do Galego Oral e membro da Real Academia Galega. A súa relación co galego de Asturias inclúe a participación como coautor das primeiras Normas Ortográficas e Morfolóxicas del galego de Asturias, publicadas en 1990.

Un premio con historia

Os Premios Folgueira celebráronse por primeira vez en 2023. Na súa primeira edición recoñeceron ao artista e músico Rodrigo Cuevas e ao informático Juan Carlos Riopedre Villa, distinguido co Folgueira Dixital. Nesa mesma edición, Benigno Fernández Braña, primeiro presidente da Mesa prá Defensa del Galego de Asturias (MDGA), foi nomeado Socio de Honor.

En 2024, o Premio Folgueira recaeu no investigador e académico Carlos Xesús Varela Aenlle, mentres que o Doutor Xoán Babarro González recibiu o Folgueira de Honor. En 2025, o galardón foi para o xornalista Xabier Fortes López e o Folgueira de Honor para o profesor Antonio José Meilán García.

A cuarta edición dos Premios Folgueira conta co patrocinio de PuntoGal, entidade xestora do dominio de Internet para a comunidade galegofalante.


Máis información en axuntar.gal