Novas
PuntoGal pecha con éxito o seu apoio ás principais citas da autoedición galega en 2026
A Coruña, 1 de outubro de 2026 · PuntoGal pecha cun balance moi positivo o seu programa de apoio á autoedición galega en 2026, tras acompañar ao longo do ano tres das principais citas deste ámbito: FunFunFun, en Santiago de Compostela; Autobán, na Coruña; e VaiaVaia, en Lugo.
A iniciativa permitiu estender o apoio de PuntoGal á creación independente por diferentes cidades galegas e contribuír á visibilización de proxectos vinculados ao fanzine, o cómic, a ilustración, o deseño gráfico e outras formas de expresión artística autoxestionada. As tres citas caracterizáronse pola diversidade das propostas, a participación de creadoras e creadores e a creación de espazos de encontro arredor da cultura independente.
O percorrido comezou en xuño coa oitava edición do FunFunFun, en Santiago, un encontro consolidado da autoedición galega e portuguesa que combina feira, actividades, encontros e propostas artísticas. En agosto, Autobán volveu reunir na Coruña proxectos de autoedición, ilustración e cómic, cunha edición que a organización cualificou como un novo éxito de participación e público.
O ciclo pechouse en setembro en Lugo coa sexta edición de VaiaVaia, que durante dúas xornadas combinou mercado de publicacións independentes, obradoiros, presentacións, música, performance e outras actividades abertas ao público.
Para PuntoGal, o éxito destas tres iniciativas confirma a vitalidade da autoedición en Galicia e a capacidade das comunidades creativas para xerar novos espazos de participación, colaboración e difusión cultural. O apoio a estes proxectos forma parte do compromiso da entidade coa cultura galega e con iniciativas que contribúen a fortalecer a súa presenza tanto na sociedade como na rede.