Novas
Todo listo para o VaiaVaia 2026, o encontro de fanzines e autoedición que chega esta fin de semana a Lugo
A sexta edición da cita, que conta co patrocinio de PuntoGal, celebrarase este sábado 26 e domingo 27 con mercado de publicacións, obradoiros, música, performance e diferentes actividades abertas ao público
A Coruña, 21 de setembro de 2026 – Lugo converterase nun punto de encontro para a creación independente coa celebración da sexta edición de VaiaVaia, o Encontro de Fanzines e Autoedición. A cita terá lugar o sábado 26 e o domingo 27 de setembro, cunha programación que combinará o mercado de publicacións independentes con obradoiros, presentacións, música e diferentes propostas participativas.
Durante as dúas xornadas, o público poderá achegarse ao mercado de fanzines e autoedición, que abrirá as súas portas ás 12.00 horas tanto o sábado como o domingo na capela de Santa María, para coñecer de primeira man o traballo de creadoras, creadores e proxectos vinculados á ilustración, o deseño, o cómic e a edición independente.
A programación do sábado comezará ás 12.00 horas co obradoiro infantil «Explorando o Vaia Vaia», con Kutkyllo, e continuará coa presentación de Editorial Imperdible ás 12.30 horas. Pola tarde sucederanse propostas como o Vaia Bingo, unha sesión DJ de Silpincha, a presentación do Gabinete Ambulante de Autoedición e o obradoiro «Amuleto de bolsillo», con Alejandra etc.
A xornada completarase cun micro aberto ás 17.30 horas e coa performance «De corpo presente», de Petra Iglesias, ás 18.30 horas. O sábado rematará coa actuación de Magickal Nekrobongolord, prevista para as 20.00 horas.
O domingo manterá a actividade desde o mediodía, con novos momentos para visitar o mercado e participar en propostas como o obradoiro de escritura «O gabinete de Leite edicións», o Vaia Twister e unha nova sesión de Vaia Bingo. Pola tarde haberá unha sesión DJ de Sofi Peries e outro micro aberto, antes da clausura da sexta edición de VaiaVaia, prevista para as 19.00 horas.
PuntoGal apoia a creación independente
A colaboración forma parte do apoio de PuntoGal durante 2026 a diferentes encontros vinculados á autoedición galega, como FunFunFun, celebrado en Santiago de Compostela, e Autobán, que tivo lugar na Coruña. Con VaiaVaia, o apoio esténdese agora a Lugo e completa un percorrido por diferentes cidades galegas para acompañar proxectos que crean espazos de encontro arredor da cultura independente.
A sexta edición de VaiaVaia permitirá así volver poñer en contacto o público con publicacións e propostas que nacen fóra dos circuítos editoriais convencionais, ao tempo que ofrece un programa aberto e diverso no que teñen cabida a creación, a experimentación e a participación.