Novas

Xove acolleu a primeira Celtic Cup sub-17 de fútbol gaélico, un novo impulso para a canteira galega

A Coruña, 18 de setembro de 2026 · O municipio de Xove converteuse o pasado 4 de xullo no punto de encontro do fútbol gaélico de base europeo coa celebración da primeira Celtic Cup sub-17, unha nova competición internacional que nace co obxectivo de impulsar o desenvolvemento das categorías inferiores e ofrecer ás novas xeracións unha experiencia competitiva de alto nivel.

A cita, organizada pola Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG), reuniu equipos procedentes de Galicia, Irlanda, Francia e Alemaña. O torneo contou con dúas competicións diferenciadas, masculina e feminina, disputadas simultaneamente nos campos de herba natural e artificial das instalacións municipais de Xove.

Na categoría masculina participaron nove equipos, distribuídos en tres grupos: as seleccións galegas Galicia A e Galicia B, Francia, Alemaña e seis clubs irlandeses: St Michael’s GAC, Naomh Pádraig GAC, St Sylvester’s A e B, Skerries Harps e Na Piarsaigh Doiretrasna. Na competición feminina tomaron parte seis equipos, entre eles os dous combinados galegos, xunto con Francia, Alemaña, Kilmacud Crokes e Naomh Pádraig GAC.

A presenza dos dous combinados galegos en ambas as categorías permitiu ás novas xogadoras e xogadores medirse con equipos procedentes dalgúns dos principais territorios e clubs europeos desta modalidade.

Un paso adiante para o fútbol gaélico de base

A celebración desta primeira Celtic Cup U17 supón un novo paso no traballo de formación que a AGFG desenvolve a través das Gaélico Escolas PuntoGal. Segundo explica a asociación, parte dos futbolistas que integraron os combinados galegos xa participaron nas competicións cadetes das últimas tempadas, polo que a creación dun torneo internacional específico para a categoría sub-17 contribúe a dar continuidade ao proceso formativo.

O proxecto das Gaélico Escolas PuntoGal busca precisamente achegar o fútbol gaélico aos centros educativos galegos mediante actividades de iniciación, obradoiros e encontros deportivos. O programa superou xa os 3.000 nenos e nenas participantes, consolidándose como unha das principais vías de introdución deste deporte entre a mocidade galega.

Para facer posible a competición en Xove, a organización tivo ademais que modificar a localización prevista inicialmente en Santiago de Compostela debido ás condicións meteorolóxicas adversas e ás altas temperaturas previstas para aquela fin de semana. A AGFG agradeceu ao Concello de Xove e á Unión Deportiva Xove Lago a súa disposición para acoller o torneo cunha marxe de tempo moi reducida.

PuntoGal, ao lado da canteira

A Celtic Cup sub-17 forma parte do calendario de actividades que PuntoGal apoia no marco da súa colaboración coa Asociación Galega de Fútbol Gaélico, renovada en 2026 por oitavo ano consecutivo. O acordo inclúe o apoio ao programa Gaélico Escolas PuntoGal e ao conxunto da actividade deportiva da asociación, ademais da presenza de PuntoGal como patrocinador principal nas camisolas das seleccións galegas.

O apoio á Celtic Cup encaixa así na aposta de PuntoGal por acompañar iniciativas que combinan deporte, formación, mocidade e promoción da cultura galega, contribuíndo ao crecemento dunha modalidade que nos últimos anos ampliou a súa presenza tanto dentro como fóra de Galicia.