Novas
Museo do Videoxogo, un proxecto indispensable para a memoria e a divulgación da historia dos xogos en Galicia
O Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI) converteuse nos últimos anos nun referente para coñecer a historia dos videoxogos en Galicia e en galego. Desde a súa sede en Cangas, experimentou un importante crecemento institucional, pechou novas alianzas estratéxicas e a, sobre todo, promoveu a recuperación patrimonial. O pasado mes de febreiro, PuntoGal renovou o seu convenio de patrocinio co Muvi, por tres anos máis, como mostra de apoio á actividade desde centro, do que o dominio foi o seu primeiro socio institucional cando se fundou no ano 2019.
En marzo, ao mes seguinte da renovación do convenio con Puntogal, o MUVi celebrou a sexta participación consecutiva do museo no Salón do Libro de Pontevedra para achegar obradoiros de videoxogo saudable á cidadanía, demostrando a súa capacidade divulgativa nun escenario transversal. Pouco despois, en abril, o museo acadou un fito institucional relevante coa recepción do distintivo identificativo do Sistema Galego de Centros Museísticos na Cidade de Cultura, un recoñecemento que avala a rigorosidade científica do seu enfoque patrimonial e que integrouno de cheo na rede formal dos museos galegos.
Por outra banda, o pasado Día das Letras Galegas, as relacións estratéxicas do MUVí medraron co anuncio dun convenio entre o Museo do Pobo Galego e o Museo do Videoxogo para integrar o videoxogo galego de xeito permanente en Santiago de Compostela nunha das institucións referentes da cultura galega.
Ademais, o Museo incorporou no mes de maio unha obra fundamental á súa colección grazas á doazón realizada por Javier Martín, Beatriz Legeren e Jaime Arregui. A peza en cuestión é o videoxogo O Templo, desenvolvido por Interacción C.I.M no ano 2000, o primeiro videoxogo galego baseado na mitoloxía celta de tradición galaica do que se ten constancia.
O Templo foi un proxecto pioneiro que marcou un fito na historia do videoxogo galego como o primeiro na súa categoría en recibir a financiación do programa MEDIA da Unión Europea e o Premio Mestre Mateo 2002 á mellor produción multimedia.
Pero non é o único proxecto pioneiro que se incorpora aos fondos do museo: Terra Terremota foi recentemente engadido á colección do MUVi e próximamente formará parte dos fondos da Biblioteca de Galicia.
Terra Terremota considérase outra obra pioneira por ser o primeiro videoxogo con voces en galego cunha historia reivindicativa e preocupada pola realidade social e cultural da nosa terra. Con guión de Xosé Manuel Pereiro, entregábase como CD-ROM coa revista Bravú e, trala labor de restauración do equipo do Museo, pode volver a xogarse en Cangas.
Igualmente, o MUVi asinou un novo convenio de colaboración co Máster de Videoxogos do Campus Industrial de Ferrol, da Universidade da Coruña, iniciativa que suporá a achega de creacións nadas no eido universitario aos fondos do museo.
O museo tamén participou na popular convención coruñesa, a ExpOtaku, interactuando con preto de corenta estudios galegos que lles permitiu a incorporación de novas obras e documentación de proxectos contemporáneos á súa colección.
Co peche do curso escolar, o Museo experimentou un récord de visitas de centros educativos. Finalmente, integrouse no proxecto de investigación Pioneiros II, unha colaboración transfronteiriza con Portugal co Museo LOAD ZX Spectrum para a execución de videoxogos en lingua galega sobre o hardware orixinal da época. A isto súmase a doazón singular de material clásico, ordenadores, videoxogos e pezas de hardware microinformático que o equipo do MUVi xa comezou a documentar e preservar para incorporalo aos fondos de exposición.
O rápido desenvolvemento institucional, divulgativo e de investigación do Museo do Videoxogo nos últimos meses demostra a importancia e a consolidación do videoxogo galego como un pilar patrimonial da cultura do noso país.