Novas

PuntoGal apoia unha nova edición do DEMO Game Jam para impulsar o videoxogo en galego

PuntoGal patrocina o DEMO Game Jam, unha iniciativa que promove a creación, a formación e a divulgación arredor do videoxogo en galego, especialmente entre a comunidade educativa e a mocidade. A través do seu apoio ao proxecto, PuntoGal contribúe a ampliar a presenza da lingua galega nun ámbito creativo e tecnolóxico en constante crecemento, impulsando o videoxogo como ferramenta de expresión cultural, aprendizaxe e innovación.

O patrocinio de PuntoGal acompaña un proxecto que, desde a súa primeira edición, combina a organización dunha Game Jam para centros de ensino cun programa estable de actividades formativas, materiais didácticos e accións de divulgación. Na súa estrea participaron máis de 250 estudantes procedentes de sete institutos galegos, que desenvolveron videoxogos en galego inspirados na arte e na cultura galegas. A iniciativa continuará agora a súa expansión con novas actividades, máis centros participantes e unha programación que reforza a creación de videoxogos en galego dentro e fóra das aulas.

O proxecto tamén estivo presente en eventos especializados como O Pixel a Feira e a Atlantic Games Conference, celebrada en Carballo, contribuíndo a dar visibilidade ao ecosistema do videoxogo galego e ás posibilidades do software libre neste ámbito.

Nos vindeiros meses o DEMO Game Jam continuará ampliando a súa actividade. A finais de agosto publicarase unha guía gratuíta para centros educativos interesados en participar na iniciativa, un recurso pensado para facilitar a incorporación de novos institutos e ofrecer ao profesorado todas as ferramentas necesarias para desenvolver os proxectos na aula. Durante o mes de setembro presentarase tamén unha colección de materiais didácticos, elaborados integramente en galego, dirixidos tanto ao profesorado como ás persoas que desexen iniciarse na creación de videoxogos.

Entre as novidades destaca tamén a celebración, o próximo 19 de setembro, dunha xornada dedicada á educación e ao videoxogo, na que se analizarán tanto as posibilidades formativas do sector como as oportunidades de integrar os videoxogos no currículo educativo. Ao longo dos próximos tres meses desenvolveranse, ademais, máis de quince obradoiros nas catro provincias galegas para achegar a creación de videoxogos e o uso de software libre á mocidade e á comunidade educativa.

A edición de 2026 da Game Jam dará un novo paso adiante coa previsión de duplicar o número de institutos participantes e incorporar novas categorías. Ademais, abandonarase o modelo tradicional de competición para introducir un sistema de recoñecementos que premie distintos aspectos creativos dos proxectos, como a programación, a narrativa, a música ou a dirección artística. A gala final celebrarase no marco de Culturgal 2026.

O crecemento do proxecto viuse reforzado recentemente coa concesión dun dos premios do II Certame Fondo de Apoio a Proxectos Culturais Singulares para a Mellora Social, un recoñecemento que permitirá ampliar as actividades previstas e consolidar o DEMO Game Jam como unha iniciativa de referencia na promoción do videoxogo en galego.

PuntoGal apoia desde o ano 2025 ao DEMO Game Jam, unha iniciativa que promove o videoxogo en galego como ferramenta de creación cultural, innovación e aprendizaxe. A través deste patrocinio, PuntoGal reforza o seu compromiso coa normalización da lingua galega nos ámbitos tecnolóxicos e co impulso de proxectos que achegan a creación dixital á comunidade educativa e á mocidade.