Novas destacadas, Proxectos, Proxectos destacados

PuntoGal visita o MUVI de Cangas, con máis de 2.000 videoxogos para probar e coñecer

Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2023 | O equipo de PuntoGal visitou a pasada semana o Museo do Videoxogo, MUVI (muvi.gal), entidade coa que colabora desde os seus inicios. O Museo está dirixido pola Fundación Museo do Videoxogo de Galicia, primeira fundación en España dedicada en exclusiva á historia do videoxogo. Constituída o 2 de marzo de 2020, o 20 de xullo de 2020 foi recoñecida como Fundación de Interese Galego. A súa intención principal é a de presentar o mundo do videoxogo ao público como unha forma de expresión cultural máis.

O Museo abre os sábados en horario de tarde, pero ten dispoñibilidade de visita por grupos en horario de mañá, Sempre que se pida por adiantado, e pode programar obradoiros personalizados dirixidos aos docentes que visiten o centro con escolares. Para quen lle gusten os videoxogos, é un paraíso de 300 metros cadrados que conta con máis de 2.000 videoxogos de diferentes plataformas e unhas 400 pezas de hardware. Como é un centro interactivo, todas as máquinas pódense usar.

Ao frente da fundación hai dúas persoas: Galo e Jacobo Martínez. Despois da creación do proxecto “Barité Museo”, sentaron as bases do que hoxe é o Museo, que abriu o 10 de setembro de 2022, como único museo sobre videoxogos en Galicia.

O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, logo de visitar as instalacións, manifestou que a intención do dominio é seguir apoiando o proxecto do MUVI, “un espazo singular, interactivo, divulgativo, educativo e de ocio, que presta unha especial atención aos videoxogos en galego”. Janeiro sinalou a importancia da existencia dun centro destas características, en forma de fundación, que “permite coñecer a historia do videoxogo de forma lúdica”, atopar “verdadeiras xoias en pleno funcionamento”, así como “comprobar o traballo de restauración e posta a punto de equipos doados por entidades ou particulares”. O director do dominio felicitou aos promotores da iniciativa e comentou que “iniciativas coma esta son a definición perfecta de proxectos nos que PuntoGal pode e debe apoiar”.

O centro conta con coleccións renovadas e con representantes de todas as tipoloxías de sistemas que substanciaron a historia do videoxogo. Desde dispositivos arcade, pasando por videoconsolas, portátiles e dispositivos bidireccionais, ata unha escolla dos títulos máis influintes da historia do medio, a visita convértese nunha descuberta continua.

 

A colección está repartida en varias salas de exposicións. Unha delas, a de Videoxogo en Galego, está patrocinada por PuntoGal con pezas como A aventura máxica de Merliño, O Misterio das 7 Pezas ou o Arcano entre os máis de 150 videoxogos que se poden xogar na sala.

A Fundación traballa na difusión do valor do videoxogo en Galicia e en galego, non só con eventos especiais e exposicións efémeras dentro do centro, senón que tamén participando e facendo difusión de actos desenvolvidos noutros espazos. Así, colabora con outras entidades, axentes e institucións como o Museo Arcade Vintage de Ibi ou as universidades galegas, sendo este tipo de colaboracións un alicerce da súa labor.

 

O museo está aberto todos os sábados pola tarde, de 16:30 a 20:30 na rúa Aragón 2, en Cangas do Morrazo. A visita precisa de, polo menos, hora e media para poder xogar con todos os sistemas e consolas dispoñibles.

A continuación podedes ver unha galería das fotos que fixemos no museo: