Novas destacadas, Proxectos, Sen categoría

Hifas da Terra, Saega e Grupo LIA (2) reciben os Premios Spin-Off PuntoGal en Santiago

Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2023. As empresas Hifas da Terra e Saega e o grupo de Investigación Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións da Intelixencia Artificial LIA (2) recibiron hoxe no Edificio Fontán da Cidade da Cultura de Galicia os galardóns correspondentes á VII edición dos Premios Spin-Off PuntoGal, que distingue as empresas e grupos máis innovadores da economía e da rede de investigación galegas.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Manuel Lema Rodicio, representantes das  universidades galegas e outras personalidades do mundo da ciência e da cultura asistiron ao acto duns premios que cumpren a súa séptima Edición e que convoca o portal GCiencia, co patrocinio do domínio PuntoGal e coa colaboración da Secretaría Xeral de Universidades da Xunta e da empresa Gadis. O acto foi presentado pola xornalista Lara Capelo.

Durante a súa intervención, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, felicitou aos gañadores desta edición por representar “á Galicia audaz” e tamén pola súa aposta polo papel das mulleres na empresa e polo uso da lingua galega. Tamén aludiu a necesidade de que as universidades galegas poidan reter o talento xerado nas súas aulas e reinvindicou a necesidade de seguir loitando para que as mulleres teñan o espazo que merecen nas empresas TIC e nos seus equipos directivos.

Pola súa banda, a directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa da Xunta, Judith Fernández, sinalou que a universidade pública é un verdadeiro motor de xeración de coñecemento que deber de ser aplicado no mundo empresarial. “Para facer esa transferencia é fundamental crear canles de comunicación entre a empresa e a universidade. A transferencia é algo que non so beneficia ás empresas senón á sociedade no seu conxunto”, engadiu Fernández.

Edita de Lorenzo, representante de PuntoGal e membro do xurado dos Premios, explicou a dificultade da tarefa do xurado para elixir entre propostas de moita calidade e destacou que a investigación segue a estar inxustamente valorada e debe contar con maior apoio. Finalmente, o director de comunicación de Gadis, José Luis Fernández, destacou o feito de que dous dos proxectos premiados (Saega e Hifas da Terra) sairon da Galicia rural.

No apartado Selo de Calidade, que distingue a empresas innovadoras que consolidaran unha traxectoria de prestixio, o premio foi para a empresa Hifas da Terra, compañía pontevedresa que leva xa 25 anos de traxectoria e consolidouse coma  empresa biotecnolóxica líder en Europa na comercialización de produtos sanitarios e farmacéuticos baseados en fungos. O diretor Comercial de Hifas da Terra, Iván Antón, foi o encargado de recoller o premio.

Na categoria Idea Emerxente, que premia a empresas de nova creación ou que levaran ao mercado unha idea innovadora recentemente, a gañadora foi a empresa Soluciones Aeronáuticas de Galicia (Saega) de Serra de Outes. A compañía está a desenvolver un proxecto empresarial para poñer no mercado o próximo ano un tipo de dron, o Anduriña 25, con características moi especiais. Un dos socios fundadores da empresa, Oscar Piñeiro, recolleu o galardón.

No apartado de Grupos de Investigación, o xurado elixiu como gañador ao Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións da Intelixencia Artificial LIA (2), un grupo integrado no Citic da Universidade da Coruña, composto por investigadores de diferentes áreas que traballan na aplicación das tecnoloxías da información e as comunicación. Carlos Dafonte, principal responsable do grupo, recolleu o premio.

Entre os obxectivos destes galardóns figuran recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xurde desde os grupos de investigación universitarios. Tamén se tiveron en conta polo xurado factores como a capacidade de internacionalización dos proxectos presentados e a participación da muller nestas iniciativas.

As integrantes do xurado foron as investigadoras Edita de Lorenzo, María José Rodríguez Malmierca Andrea Muras e Sonia Martínez Arca, a representante da Secretaría Xeral de Universidades,  Irene Bonome Gradaille, e a CEO da empresa Galchimia, Carme Pampín.  En anteriores edicións destes galardóns xa foron premiadas empresas consolidadas e de longa traxectoria como Casa Grande de Xanceda ou Mestrelab, xunto a outras que se distinguiron por achegar innovacións importantes ao tecido empresarial galego como Situm ou All Genetics. Ademais, recibiron o galardón grupos de investigación universitarios como VARPA ou SING.

 

Contacto prensa: +34 661 025 476