Proxectos

PuntoGal contínua co seu apoio á Folkoteca Galega no seu proxecto de dixitalización de música tradicional

Santiago de Compostela, 8 de novembro de 2023.- O presidente de PuntoGal, Manuel González, e o responsable da Folkoteca Galega, Julio Jesús León Pérez, renovaron o covenio de colaboración polo que o dominio seguirá apoiando a este proxecto de dixitalización da música tradicional galega.

A acción enmárcase na colaboración institucional de PuntoGal con entidades que manteñen proxectos no ámbito da lingua, a cultura ou a tecnoloxía en Galicia. Neste caso, a Folkoteca Galega é un proxecto sen ánimo de lucro para recoller, clasificar, dixitalizar, difundir e espallar a música tradicional galega a través da web, coa que leva colaborando dende o 2021. O seu obxectivo fundacional é fornecer acceso a recursos deste tipo de música a todos os interesados en coñecela, aprendela ou usala no ámbito didáctico.

A páxina emprega o dominio folkotecagalega.gal, desde onde segue non só a recoller as cantigas tradicionais nas súas diferentes formas, senón tamén a reproducir as súas partituras. Tamén se pode colaborar subindo unha pista, unha partitura ou calquera otro tipo de arquivo que poida ser de interese ou que se queira compartir.

PuntoGal engloba esta colaboración dentro das súas accións corporativas de apoio a iniciativas relacionadas coa lingua, a cultura e as TIC en Galicia. Entre as últimas actividades realizadas figura o patrocinio dos VIII Premios Paraugas entregados o 17 de novembro ás mellores estratexias de creatividade, deseño, edición, industria gráfica, márketing e comunicación, ou a entrega de premios dos VII Permios Spin-Off PuntoGal, que premia recoñecer a transferencia de coñecemento entre a Universidade e a Empresa e alentar o emprendemento que xorde desde os grupos de investigación universitarios

PuntoGal (www.dominio.gal) é a entidade que xestiona o dominio de internet .gal. A día de hoxe, conta máis de 6.900 dominios rexistrados entre empresas, institucións, entidades sociais e particulares.