Este ano tivemos un stand participativo, onde estiveron as entidades e iniciativas coas que colaboramos. Entre elas hai algunhas de carácter cultural, coma o caso da Real Academia Galega ou o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, que compila todo tipo de arquivos de son e vídeo de historias e cancións populares desde fai décadas. Tamén as feiras de autoedición Funfunfun (Compostela), Autobán (A Coruña) e Vaiavaia (Lugo) onde moitos dos artistas da ilustración e a banda deseñada están comezando a súa andaina, e alimentando proxectos editoriais novidosos e arriscados.
Outras entidades presentes teñen que ver coa práctica deportiva e educativa, coma a Federación Galega de Fútbol Gaélico, as Gaélico Escolas o programa Agasallo.eu da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, o Día das rapazas na TIC, iniciativa que parte do CESGA, a First Lego League de Galicia, sempre buscando o uso da lingua e a inclusión educativa e profesional. Non podemos esquecer o museo do videoxogo (MuVi) de Cangas, a asociación Divulgacción, que organiza monólogos de divulgación científica, ou entidades que poñen o foco na solidariedade como a Asociación galega de afectados por ELA ou a Asociación Parkinson Galicia-Coruña.
Por suposto, tamén estiveron presentes entidades cun papel destacado na rede galega, coma Opentrad (o tradutor libre de galego), a Asociación de medios en galego, o Clúster da Comunicación de Galicia, videoxogo.gal, GCiencia.gal, a Asociación de enxeñeiros de telecomunicacións de Galicia. A crecente importancia que desde o dominio se lle da nestes días á ciberseguridade está patente na presenza da Global Cyber Alliance e o nodo ciber.gal.
Ademais, dentro do programa conxunto ‘PuntoGal presenta…’ da feira, houbo unha demostración e introdución ao fútbol gaélico para nenas, nenos e monitores.
Tamén houbo unha conversa entre responsables das distintas feiras de autoedición galegas: Manu Barreiro (FunFunFun), Helena Rodríguez Blanco (VaiaVaia) e Óscar Iglesias (Autobán). Moderou esta conversa María Gil Martínez no escenario dedicado á música.
O domingo, como peche da nosa participación na feira, ofreceuse unha serie de monólogos breves sobre ciencia. Foron sete breves pezas con títulos como Morrer de calor (de Alejandro Gómez Pazo), As bacterias da miña boca (de Andrea Muras Mora), A economía do natural (de Jose Iglesias Moure), Máis felices, máis libres (de Laura Veiga), O dogma central da bica (de Antonio Cagide Varela), O mundo nunha bosta (de David García Dios) ou A miña parasitografia (de Eva Cabanelas Dopazo).
E como ven send habitual, contamos coa colaboración de Gadis, que nos brindou unha serie de agasallos para compartir con aqueles que nos visitaran no stand.
Culturgal é un lugar de encontro entre os públicos e artistas, profesionais e institucións, para poñer en contacto a creadores e compañías con profesionais da xestión cultural, programadores, empresas e institucións. Nesta décimo sexta edición xa se notou unha recuperación de asistencia despois da pandemia, con máis de dez mil asistentes nos tres días e centos de actos nos escenarios xerais e nos stands dos expositores.