A Biblioteca Nacional de España, en colaboración coa Biblioteca de Galicia, completou polo sétimo ano consecutivo a recolleita do dominio .gal.
As recolleitas masivas supoñen a conservación xeral dun dominio que, realizándose de xeito anual, ofrecen unha visión panorámica sobre a evolución e crecemento do mesmo ao longo dos anos. Nesta edición, incorporáronse 5.466 dominios fornecidos pola Asociación PuntoGal, que o manteñen dende a súa creación en 2014 como un dos grandes representantes do galego no mundo.
Esta recolleita realizouse dun xeito moito máis exhaustivo que en anos anteriores, obtendo resultados moito maiores, que superaron os 7 TB de información.
A conservación do dominio .gal é parte da estratexia de conservación masiva levada a cabo pola Biblioteca Nacional de España para preservar o patrimonio dixital español en Internet. Este ano, por primeira vez, gardaranse os catro grandes dominios de España: .es, .cat, .eus e .gal. O Arquivo da Web Española posúe, entre as súas coleccións, unha centrada na CC.AA. de Galicia, creada grazas ao apoio dos conservadores web da Biblioteca de Galicia, que seleccionan e realizan control de calidade dos contidos gardados; actualmente con máis de 1.000 sitios web.
Esta selección procura abranguer a sociedade galega dende todos os puntos de vista posibles e será un legado para o seu estudo por futuras xeracións. Pode atopar moitos máis contidos no resto das coleccións do Arquivo da Web Española. Ao ter dereitos de autor vixentes, só poden consultarse dende ordenadores da BNE e da rede de centros de conservación distribuídos por toda España.