Novas, Novas de interese

PuntoGal colabora un ano máis coa Irmandade dos Apañacastañas

Santiago de Compostela, 15 de decembro de 2023.– PuntoGal renovou o convenio de colaboración coa Irmandade dos Apañacastañas, entidade que fomenta a figura do Apalpador do Nadal Galego. O dominio acompaña a esta iniciativa nos últimos anos facilitándolle o dominio e dándolle difusión ás súas actividades.

En www.apalpador.gal cóntase que esta é unha personaxe mítica galega que baixa polo Nadal a levarlles os agasallos ás nenas e nenos. Entra de noite nos seus cuartos cando están a durmir e apálpalles a barriguiña por ver se xantaron abondo e déixalles, ademais dos xoguetes, unha presa de castañas.

A páxina web non só presenta á figura do Apalpador, senon doutras figuras semellantes que existen noutras culturas, o que nos achega ao mundo fascinante do imaxinario destas datas.

Na páxina pódese desfrutar de diferentes recursos para coñecer mellor todo o relacionado co Apalpador e con esta época do ano: ligazóns, material didáctico, publicacións, experiencias prácticas e tamén algo de imaxinación.Aí tedes a oportunidade de enviarlle a carta ao Apalpador e pedirlle os vosos desexos para estas festas.

PuntoGal, está a piques de superar os 7.000 dominios rexistrados, segue traballando para que todas aquelas persoas, asociacións, institucións e empresas que queiran visibilizarse na rede como parte da comunidade galega poidan facelo cun prezo competitivo. O dominio continúa co seu programa corporativo de apoio a iniciativas relacionadas coa lingua, a cultura e as TIC en Galicia. Entre as últimas actividades realizadas figura a participación na Feira das industrias culturais, Culturgal, onde exerceu de anfitrión e creou un stand punto de encontro coas entidades coas que colabora.

E, como non pode ser doutro xeito, o equipo do dominio quere aproveitar esta ocasión para desexarvos un Bo Nadal.

Máis información en www.dominio.gal ou no 670226268.