Novas de interese, Proxectos

Mostra sobre literatura e videoxogos en Lugo

A Fundación Museo do Videoxogo, unha das iniciativas coas que colabora PuntoGal, pecha 2023 coa posta en marcha dunha nova exhibición no Museo Interactivo da Historia de Lugo desde o 5 de decembro, co título “LITERATURA E VIDEOXOGOS”. O proxecto está impulsado pola Área de Cultura e Promoción da Lingua do Concello de Lugo e enmárcase nunha das principais liñas de traballo nas que o MUVI, declarada de Interese Cultural Galego en 2020, leva traballando nos últimos anos.

Esta mostra é a máis grande, a máis ambiciosa e a de maior duración de tódalas desenvolvidas ata agora pola Fundación MUVI, e abordará a relación entre dous medios culturais como son a literatura e os videoxogos: as narrativas e a lingua integradas como elementos inseparables das obras interactivas, así como as retroalimentacións, sinerxías e xéneses existentes entre ambas. Unha exposición de interese para tódalas idades e que conta cun elemento divulgativo innovador: un calendario continuo para centros de ensino durante a semana, e que supera nestes intres os 400 alumnos inscritos, resultando un éxito antes de anunciarse.

A exposición contará con máis de 20 sistemas de videoxogos e outros tantos títulos interactivos de tódalas épocas -incluíndo xogos creados en Galicia- que convivirán durante máis de 2 meses cunha vintena de obras literarias para o entendemento da súa relación. Permanecerá aberta ao público, de balde, dende a súa inauguración o día 5 de decembro ata o día 9 de febreiro de 2024, e non soamente aspira a ser unha solución tecnolóxica innovadora dentro do eido museístico, cultural e expositivo, senón que busca, a través da súa formulación, explorar novas vías á hora de presentar e relacionar contidos, obxectos, obras ou ideas. Navegando por ela, as persoas visitantes
terán a posibilidade de gozar dunha experiencia reflexiva, transversal, que pretende convidar aos curiosos a afondar e perderse nalgúns dos lugares máis apaixonantes desta temática.