Novas, Novas de interese

PuntoGal enche o seu posto no Culturgal de diversidade cultural e tecnolóxica

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2023 | PuntoGal acude outro ano máis a Pontevedra para participar na Feira das Industrias Culturais, Culturgal, cun posto propio que incorpora novidades con respecto a edicións anteriores. A feira celebrarase entre o 1 e o 3 de decembro no Pazo de Congresos e Exposicións de Pontevedra, onde o dominio ocupará o stand número 40. Nesta actividade, PuntoGal conta coa colaboración habitual de Gadis e do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia.

PuntoGal presenta un stand participativo, onde estarán presentes as entidades e iniciativas coas que colabora. Entre elas hai algunhas de carácter cultural, coma o caso da Real Academia Galega ou o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, que compila todo tipo de arquivos de son e vídeo de historias e cancións populares desde fai décadas. Tamén as feiras de autoedición Funfunfun (Compostela), Autobán (A Coruña) e Vaiavaia (Lugo) onde moitos dos artistas da ilustración e a banda deseñada están comezando a súa andaina, e alimentando proxectos editoriais novidosos e arriscados.

Outras entidades presentes teñen que ver coa práctica deportiva e educativa, coma a Federación Galega de Fútbol Gaélico, as Gaélico Escolas o programa Agasallo.eu da Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua, o Día das rapazas na TIC, iniciativa que parte do CESGA, a First Lego League de Galicia, sempre buscando o uso da lingua e a inclusión educativa e profesional. Non podemos esquecer o museo do videoxogo (MuVi) de Cangas, a asociación Divulgacción, que organiza monólogos de divulgación científica, ou entidades que poñen o foco na solidariedade como a Asociación galega de afectados por ELA ou a Asociación Parkinson Galicia-Coruña.

Por suposto, tamén están presentes entidades cun papel destacado na rede galega, coma Opentrad (o tradutor libre de galego), a Asociación de medios en galego, o Clúster da Comunicación de Galicia, videoxogo.gal, GCiencia.gal, a Asociación de enxeñeiros de telecomunicacións de Galicia. A crecente importancia que desde o dominio se lle da nestes días á ciberseguridade está patente na presenza da Global Cyber Alliance e o nodo ciber.gal.

A presenza dos diferentes participantes no stand irase anunciando nas redes de PuntoGal: x.com/Punto_gal e instagram.com/puntogal.

Ademais, dentro do programa conxunto ‘PuntoGal presenta…’ da feira, o venres ás cinco da tarde haberá unha demostración e introdución ao fútbol gaélico para nenas e nenos na aula 5.

O sábado, ás catro da tarde, haberá unha conversa entre responsables das distintas feiras de autoedición galegas: Manu Barreiro (FunFunFun), Helena Rodríguez Blanco, Sergio Díaz Marey e Natalia Pía Conde Díez (VaiaVaia), e Óscar Iglesias (Autobán). Conducirá esta conversa María Gil Martínez no escenario dedicado á música.

O domingo ás cinco da tarde, no escenario ‘Escena’ presentaranse unha serie de monólogos breves sobre ciencia, organizado por Divulgacción dentro do mesmo programa ‘PuntoGal presenta…’. Son sete breves pezas con títulos como Morrer de calor (de Alejandro Gómez Pazo), As bacterias da miña boca (de Andrea Muras Mora), A economía do natural (de Jose Iglesias Moure), Máis felices, máis libres (de Laura Veiga), O dogma central da bica (de Antonio Cagide Varela), O mundo nunha bosta (de David García Dios) ou A miña parasitografia (de Eva Cabanelas Dopazo).

Os visitantes poden pasar polo stand para coñecer en detalle todas estas iniciativas e poder obter algún obsequio. Igualmente, poderán participar nos sorteos de agasallos da man de Gadis, que colabora con PuntoGal na feira. As bases dos sorteos que se farán na feira están aquí: i.gal/4QD9S

PuntoGal e Culturgal

PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.000 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.

Culturgal é un lugar de encontro entre os públicos e artistas, profesionais e institucións, para poñer en contacto a creadores e compañías con profesionais da xestión cultural, programadores, empresas e institucións. Nesta décimo sexta edición poténciase o seu carácter de escenario de encontros, e de espazo para o nacemento e consolidación de proxectos.