Novas, Novas de interese

PuntoGal reúnese en colonia cos principais dominios xeográficos do grupo dos GeoTlds

A Coruña, 13 de setembro | PuntoGal reuniuse esta semana en Colonia cos principais dominios xeográficos que identifican a unha cidade, unha rexión, unha lingua e unha cultura, e que forman parte dos GeoTLD Group.

A reunión que tivo lugar os días 11 e 12 de setembro foi organizada por ECO.de, asociación alemana que representa diferentes organizacións e empresas, e contou coa participación de membros de dominios como o .gal, .bzh, .paris, .amsterdam, .nl, .eus,.wien, .hamburg, .berlin, .denic, .fsl, . alsace, entre outros así como algún rexistrador. Entre os presentes tamén se atopaba Christopher Mondini, represetante da ICANN en Europa, organismo internacional que regula a Internet.

A benvida da reunión foi a cargo do presidente do grupo e membro da área corporativa da Fundaciò.cat, Nacho Amadoz, e durante os dous días os membros participantes puideron compartir as súas experiencias e proxectos, e poñer en común as accións conxuntas.

Pola parte de PuntoGal acudiu o director de márketing, Luis Antelo, que falou das acción levadas a cabo polo dominio durante este ano, algunha delas contando coa colaboración dos outros dominios ibéricos o .eus e o .cat. Destacou entre os proxectos desenvolvidos este ano, o observatorio da rede galega, Miradoiro.gal, que conta coa colaboración da Deputación da Coruña, as accións de ciberseguridade que se puxeron en marcha co nodo ciber.gal e coa Global Cyber Allyance, así como as iniciativas de apoio aos proxectos de autoedición en Galicia e os éxitos das seleccións galegas de fútbol gaélico.

O resto dos dominios presentes compartiu as súas impresións sobre a marcha do ano, as novidades en cuestións de leis e regulación previstas para os próximos meses, tanto por parte de ICANN coma da UE e os plans de comunicación para o ano 2024.

Polo resto, a reunión tamén funcionou coma paso previo á ICANN meeting que terá lugar en outubro de 2023 en Hamburgo, como preparación doutros encontros máis centrados en temas concretos, tanto de xeito bilateral coma multilateral.