Proxectos

Éxito das seleccións galegas no mundial de Derry

Nos últimos días do pasado mes de xullo a Federación Galega de Fútbol Gaélico enviou nada menos que catro equipos ao campionato mundial que se celebrou en Derry, en Irlanda do Norte. Alí, os dous equipos femininos e os dous equipos masculinos enfrontáronse a combinados irlandeses, canadenses, franceses, e mesmo da Arxentina.

Se queredes ter unha visión de detalle do que pasou, copiamos a continuació a crónica detallada enviada por gaélico galego. Na súa web se poden consultar as puntuacións e resultados e mesmo ver algúns dos partidos. Agardamos que sexa o primeiro de moitos éxitos e desde PuntoGal, como patrocinadores, non podemos estar máis contentos. Aquí tedes a crónica:

O condado de Derry (Irlanda) recibe a visita de máis de 200 equipos procedentes de todo o mundo para celebrar os Xogos Mundiais Gaélicos 2023. As seleccións galegas somos recibidas por esa mestura de tempo chuvoso e soleado tan irlandés, e á vez tan galego. Chegados ao aeroporto de Dublín toca desprazarse en bus ata Derry City atravesando pequenos pobos e as verdes pradeiras tan irlandesas, e á vez tan galegas. Chegados case a media noite, recíbennos coa esa hospitalidade e calor tan irlandés, e… Se ao final imos xogar na casa,

Con poucas horas de sono, as nosas seleccións arrancaban a participación nestes Xogos o luns ás 9 da mañán (hora local). Nesta ocasión, ao igual que no europeo de Pontevedra, viaxamos con 4 equipos: un equipo Sénior (alto nivel) e un equipo Intermediate (o nivel seguinte), tanto en masculino como en feminino. Os equipos masculinos notaron o cansancio da viaxe, cunha victoria xusta ante Canadá (12-11, Sénior) e dúas derrotas contra Gran Bretaña (4-7, Sénior) e Francia Int. (1-8, Intermediate). Os equipos femininos contaron os seus partidos por victorias contra Cambioia (31-0, Senior), USA Heartland (10-1, Senior) e Occitania (5-1).

O martes o feminino Senior imporíase a Quebec (7-5) mais caería coa nosa besta negra: Francia (2-13), mentres que o masculino tamén caería contra os franceses (3-5) e gañaría con contundencia a Arxentina (13-1). Isto obrigaría a ambos equipos a gañar os seus dous encontros do mércores para clasificarse. No eido Intermediate, o feminino empataría con Iberia (4-4) e perdería contra Bretaña (3-5) nun partido moi accidentado. O masculino pola súa conta gañaría a Iberia (7-4) e perdería contra os favoritos Australia (1-20).

O mércores sería unha auténtica xornada de infarto. Comezamos cun intenso Galicia-Bretaña masculino coa terceira praza en xogo, no que por momentos estivemos fóra do campionato, pero un gol a falta de dous minutos (9-6) permitiunos seguir soñando. De seguido, o masculino Intermediate vivía o seu mellor partido do torneo ao gañar (7-4) a Ottawa, á vez que o feminino Sénior gañaba comodamente ao GGE Team (32-1). Xa pola tarde, o Senior masculino certificaba a clasificación tras complicarse máis da conta o partido contra USA Charlotte (4-3), mentres a Intermediate cedía ante USA San Francisco (6-21). O feminino debeu pensar que non eran menos, xa que de verse tamén fóra da fase final, gañaron logo dun gol nos derradeiros intres do partido contra Benelux (6-5), quedando segundas de grupo. O Intermediate feminino cedía á mañán ante as imparables australianas (0-25) pero redimiuse cunha contundente victoria ante o GGE Team (16-1).

A selección masculina Intermediate acadou a prata mundial na copa Shield. Trátase da segunda medalla consecutiva da categoría logo de acadar o ouro europeo en Pontevedra-Poio ’22, certificando o bo desenvolvemento do fútbol gaélico galego a nivel mundial. O título foi parar a Ottawa, vellos coñecidos da fase de grupos, que esta vez sí impuxo o seu ritmo e gañou 15-5. Nas semifináis, superaron a USA Charlotte por 11-7.

As seleccións sénior quedaron ambas en quinto posto mundial na categoría absoluta, logo de caer contra Australia (tamén ambas) en cuartos de final, obtendo o mellor resultado desa ronda. A selección masculina foi a primeira en debutar e regalounos un auténtico partidazo contra as torres oceánicas, que co seu impoñente físico lograron dar volta ao marcador na segunda parte para gañar 10-8. A selección feminina competía contra o mediodía tamén contra a selección austral, onde ambas seleccións se foron alternando no marcador ata acabar o tempo regulamentario con 8-8 no luminoso. O desgaste físico fillo mella na prórroga (2 partes de 3 minutos) e dous puntos das oceánicas déronlles o pase por 10-8.

Pola súa parte a selección feminina Intermediate acaba quinta na copa Shield logo de caer en cuartos contra USA Heartland por un gol de diferenza (15-12), nun partido onde se viu a mellor versión deste combinado que viña de proclamarse campioa Shield de Europa o ano pasado.

As seleccións galegas pechan o capítulo competitivo cos obxectivos marcados ao inicio cumpridos, esperando xa a seguinte cita. Polo camiño, queda a espectacular presentación do torneo, na que enchemos as rúas de Derry os máis de 2000 participantes, así como a xornada de irmanamento que vivimos con varios clubes locáis (O’Donovan Rossa GAC, Moneymore GAA e Kilrea GAC) na xornada do martes, que rematou con galegos e irlandeses cunha muiñeira amenizada con música tradicional irlandesa. Porque isto tamén é fútbol gaélico: deporte, cultura e comunidade.

 

No ronsel desta vitorias e despois de poder xogar (ou asistir coma espectador) a unha xornada introdutoria de xogo na praia en Sada, xa hai iniciativas para a creación du novo club na comarca do Barbanza. Pero non é a única bisbarra na que se buscan xogadoras e xogadores. Se estades interesadas e vivides na zona de Rois ou na de Cambados, tamén hai sitio para ti. Non tes máis que te comunicar cos contactos qu se indican nos anuncios ou coa xente da federación na súa web gaelicogalego.gal.

E lembrade que coa volta ao cole logo se van anunciar actividades para a xente máis nova en gaelicoescolas.gal.