O pasado mércores, 20 de setembro, o CERSIA de Santiago de Compostela acolleu a Asemblea anual de PuntoGal, que incluíu a renovación parcial da súa directiva. Manuel González, presidente do dominio, abriu unha sesión na que o director xeral, Darío Janeiro, informou das actividades realizadas no último ano, así como do peche contable do ano anterior e dos novos orzamentos.
Na sesión incidiuse na idea de que PuntoGal debe ser un actor relevante da sociedade civil galega mediante o seu programa de acción corporativa, que inclúe patrocinios e apoio a actividades no marco da lingua, a cultura e as TIC en Galicia. Janeiro puxo en valor a posta en marcha do Observatorio da rede de Galicia, que se presentará proximamente, así como doutros proxectos en curso, como un sistema de correo gratuíto en galego.
Os e as asistentes aprobaron por unaminidade a xestión, así como o orzamento de 2023. Igualmente, déuselle o visto e prace ao peche contable de 2022, que ofreceu un saldo positivo nas contas do dominio.
Finalmente, tiveron lugar as eleccións parciais dos cargos cesantes de vicepresidente, tesoureiro, vogal1, vogal 2 e vogal 4, segundo indican os estatutos. A composición da Xunta directiva queda do seguinte modo:
Presidente: Manuel González González
Vicepresidente: Camilo Regueiro López
Secretaria: Edita de Lorenzo Rodríguez
Tesoureiro: Marcos Fernández Otero
Vogais:
Concepción Losada
Manuel Bermejo Patiño
Javier Fernández Fraga
Sergio Aramburu Gullán
Ramón Paz Gonzále
O presidente de PuntoGal, Manuel González, quixo ter un recoñecemento especial para Antón Gómez Méixome quen, en representación do Proxecto Trasno, formou parte da directiva durante os últimos mandatos e que agora, por decisión propia, non repite no cargo. No seu lugar resultou elixida Concha Losada, en representación do Museo do Pobo Galego, entidade moi vinculada ao dominio desde as súas orixes. De feito, o Museo do Pobo foi un dos pioneiros de .GAL e, desde este mesmo ano, o dominio forma parte do Padroado do Museo.