Novas de interese, Proxectos, Proxectos destacados

Éxito das feiras de autoedición en Galicia, co apoio de PuntoGal

Lugo, 25 de setembro de 2023 | Como parte do programa de apoio a iniciativas no ámbito da lingua e a cultura, PuntoGal este ano apostou polas feiras de autoedición como iniciativa de interese e na que a axuda da entidade pode marcar unha diferencia en termos de estabilidade, profesionalización en capacidade de convocatoria.

Calendario completo

Esta pasada fin de semana de setembro pechouse o ciclo de verán coa celebración do vaiavaia.gal, que durante dous días encheu o soto do mercado de abastos de Lugo con fanzines, artesanía, banda deseñada e obras de ilustración autoeditadas, sen esquecer actividades pensadas para a diversión e a aprendizaxe e a creación de comunidade.

En agosto, e compartindo datas cunha das citas máis veteranas do estado (o festival coruñés Viñetas desde o Atlántico) celebrouse o Autoban, coa mesma filosofía e o aliciente engadido de ter lugar na rúa e nunha das fins de semana maís festivas do entorno, o que o transforma da cita obrigatoria e o lugar de encontro dos afeccionados ao medio.

En xuño inaugurouse o verán co FunFunFun. A veterana cita compostelana serviu de pista de lanzamento dun verán cheo de ilustración, banda deseñada, música e imaxinación. Foron os máis madrugadores, e son xa os primeiros en comezar a facer plans para a edición do 2024, un sinal de que estas comunidades unidas pola necesidade de expresión por distintos medios aínda nos vai dar moitas alegrías nos próximos anos.

Variedade de produtos e actividades

Estas citas poden parecen moi diferente entre elas, pero comparten unha serie de detalles en común, coma a forte implicación de artistas locais, por exemplo, pero tamén a presenza de invitados doutras comunidades e doutros países. Aínda que en todas as feiras hai veteranos que levan anos traballando e que, en ocasións, comparten o traballo autoeditado co que fan para grandes editoras, tamén hai moita xente nova que aporta algunha peza pequena, un primeiro fanzine, participa nunha revista con outros compañeiros ou só ve para probar a ver que pasa. Con series que levan anos funcionando, fan fiction, autoficción e unha variedade estética que vai desde a máis agresiva ata a máis ‘cuqui’, ninguén está excluído do mercado: banda deseñada, roupa reciclada, cerámica, obxectos impresos en 3D, publicacións satíricas con forma de caderno de caligrafía, catálogo de mobles, parches para a roupa, deseños para tatuaxes, libros para colorear…. se ten que ver co exercicio da creatividade é posible (e doado) atopalo nestas citas.

Esta variedade tamén é patente na cantidade de entidades que participan e apoian, na medida que poden, estas iniciativas: galerías locais, negocios hostaleiros, imprentas e reprografías ou librerías e tendas de cómic e banda deseñada, así como nas actividades que as acompañan: concertos, pinchadas, xogos de rol e de cartas, obradoiros, bingos, coloquios ou sesións de presentacións de novidades.

Se queredes ter unha idea do que pasou en cada unha desta citas e os plans que están a facer para que o paréntese invernal sexa menos duro, non tedes máis que pasar polas súas webs e as redes sociais de cada un deles para sabelo. Ou para vos buscar, se estivéchedes en calquera delas.