Novas, Novas de interese

PuntoGal colabora co III Encontro CIBER.gal este novembro en Santiago

17 de outubro de 2023 |Os próximos días 2 e 3 de novembro terá lugar no Edificio Fontán da Cidade da cultura de Galicia o III Encontro CIBER.gal.

A mañá do xoves as actividades estará enfocada ás Administracións públicas cunha benvida institucional inicial seguida do Relatorio, Galicia segura: o camiño creado cara á ciberseguridade, por Adrián Lence.  Máis tarde o panel moderado por Pablo Martín, Iniciativas de ciberseguridade en Europa: Centro Europeo de Competencia en Ciberseguridade e ENISA, contará con intervintes de ENISA, NCC-ES e o Subdirector Xeral de Ciberseguridade, Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital.

Despois dunha pausa, terá lugar un segundo relatorio sobre Retos e tendencias da ciberseguridade para as AAPP da man de Javier Candau. Seguirá á súa intervención o panel Ciberseguridade como prioridade do sector público galego fronte aos Fondos Next Generation? da man de Olga Peñascal con membros da Antega, a FEGAMP, o presidente do Clúster Tic e o responsable de Sistema – ENS na Deputación de Ourense.

Pechará a mañá un relatorio da man do Director Xeral da Axencia Vasca de Ciberseguridade-Cyberzaintza, Javier Diéguez, sobre Do Basque CyberSerurity Centre á Axencia Vasca de Ciberseguridade-Cyberzaintza.

Actividades para o tecido empresarial

A tarde estará adicada ao tecido empresarial con relatorios sobre Ciberseguridade e hacking nun mundo de intelixencia artificial, robots e humanos, de Chema Alonso, Oferta do CNTG para formar en ciberseguridade os profesionais de Galicia, da man de Carlos Vázquez e Ciberdelito a empresas, casos de éxito na investigación e resolución do cibercrimen a empresas, posta en valor do traballo da Garda Civil, con Rubén Guillo Rot, Teniente Coronel e Xefe da área de ciberterrorismo da Garda Civil. Outros paneis serán sobre temas como Mitos e oportunidades: ciberseguridade na nube, Retos na regulación da ciberseguridade – NIS 2: novas implicacións para o sector privado e Ciberseguridade e IA. Converxencia e integración no seu desenvolvemento.

Esta xornada estará acompañada por outras actividades paralelas como obradoiros ou un concurso de Capture the Flag.

O venres, a cidadanía

O segundo día estará adicado iniciativas para á cidadanía. Contará con paneis e relatorios que afondarán nos temas da ciberseguridade dende diferentes puntos de vista como o relatorio práctico Sube de nivel en ciberseguridade, o titulado Quen ten un dato, ten un tesouro. Esencia da o panel sobre ciberdelincuencia. Por que interesa ao ciberdelincuente a miña información?,  e a mesa sobre Tecnoloxía inclusiva: a muller na ciberseguridade. Tamén haberá obradoiros, entrevistas, teatro e a III Edición do Concurso Ciberseguridade no cole, e entre outras accións entregaranse os premios do Capture de Flag e da Cátedra R de Ciberseguridade.

Pola tarde haberá actividades destinadas á cidadanía e poderanse ver os espazos técnicos de exposición, stands dos participantes, así como concursos e sorteos. O detalle de todas estas actividades pódese consultar no programa completo, nesta ligazón.

Sobre ciber.gal

CIBER.gal é o Nodo Galego de Ciberseguridade, conformado polas administración públicas galegas e institucións privadas. PuntoGal forma parte do Nodo dende o 2022, proporcionando a súa experiencia como xestora do rexistro galego e como membro da Global Cyber Alliance, unha iniciativa internacional e intersectorial dedicada á misión de reducir o risco cibernético e mellorar o mundo interconectado no que vivimos..

Os principais obxectivos do nodo son a formación e concienciación, resposta a retos, fomento do talento, posicionamento estratéxico e impulso á industria. Este grupo de traballo aposta pola seguridade en tódolos ámbitos educando non so a empresas e administracións, senón á sociedade en xeral , creando unha estrutura de cooperación en Galicia dentro deste ámbito.

Sobre PuntoGal

PuntoGal, a entidade xestora do dominio galego desde 2014, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe conta cuns 6.900 dominios rexistrados.