A Coruña, 3 de outubro de 2023 | PuntoGal acudirá un ano máis á Noite Galega da Telecomunicación e a Sociedade da Información que se celebrará o venres, 20 de outubro, na Coruña. O evento, organizado pola Asociación de Enxeñaría en Telecomunicación de Galicia (AETG), contará co patrocinio do dominio, no marco das accións de colaboración que ambas entidades desenvolven de forma periódica.
A Noite é un evento de networking que reunirá, como fai cada ano, aos profesionais do sector TIC galego no terá lugar no Hotel NH Collection Finisterre da Coruña. Este ano celébrase o seu XXVII edición baixo o eslogan Enerxía Intelixente. Durante o acto entregaranse os Premios Galicia das Telecomunicacións e da Sociedade da Información2023, que recoñecen ás empresas, profesionais e entidades que traballan a favor do progreso tecnolóxico de Galicia e realizan boas prácticas no sector. A continuación pódense consulta os premiados deste ano:
– Premio Enxeñeiro do Ano. José Luis Fernández Carnero, director xeral de Estratexia de Televes Corporación, pola súa extensa carreira profesional e a súa decidida achega ao desenvolvemento tecnolóxico de Galicia.
– Premio Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) ao Mellor Proxecto TIC con Beneficios Sociais. Proxecto Talentos Inclusivos, impulsado polo CITIC Centro de Investigacion TIC – Universidade da Coruña, polo seu decidido enfoque na solución dun problema concreto: atender as necesidades especiais das persoas afectadas polo dano cerebral.
– Premio Mellor Expediente académico do Mestrado en Enxeñaría de Telecomunicación da Universidade de Vigo. Marielena Márquez Barreiro, máxima cualificación media do mestrado de enxeñaría de telecomunicación ao longo do curso pasado.
– Premio Axians á Entidade Galega que aposta polo desenvolvemento de Infraestruturas Intelixentes de Telecomunicacións. Á Universidade da Coruña, polo seu liderazgo na innovación e o desenvolvemento e despregamento das tecnoloxías TIC a través do CITIC, do Campus Innova da Cidade das TIC e a súa contribución para lograr que A Coruña fose designada para albergar a Axencia de Supervisión da Intelixencia Artificial (AESIA).
– Premio Vantage Towers ao Mellor Proxecto TIC para a Sostibilidade e Coidado da Terra. Ao proxecto Vid-Expert impulsado pola consultora tecnolóxica satec pola súa valiosa achega na redución da pegada de carbono dentro do sector da viticultura.
– Premio Socio de Honra. Ao avogado Víctor Salgado Seguín, xurista especializado en dereito tecnolóxico e un recoñecido experto na normativa relacionada coas TIC.
Pódese consultar o programa aquí.
PuntoGal, que recibiu a distinción de Socio de Honra da AETG no ano 2015, estará representado no evento por varios membros da directiva.
A colaboración de PuntoGal coa AETG iniciouse co nacemento do dominio. A Asociación de Enxeñaría en Telecomunicación forma parte dos dominios pioneiros e apoiou desde o primeiro momento a posta en marcha do rexistro galego. Froito da boa relación entre ambas entidades figura, por exemplo, os actos conxuntos de conmemoración do Día das Letras Galegas que este ano ou celebrou un encontro virtual co título de “Conectividae Global Efectiva” a participación en feiras como o Culturgal.
A COETG/AETG é a institución que representa á profesión de Enxeñaría da Telecomunicación. Constituídas co obxecto de velar polo polo prestixio moral, social e técnico dos enxeñeiros de telecomunicación, fomentar o compañeirismo, contribuir ao desenvolvemento e progreso de Galicia a través da difusión e potenciación das telecomunicacións, axudar aos seus asociados no desenvolvemento da súa actividade profesional.
PuntoGal, o rexistro galego, conta con máis de 6.800 dominios e segue traballando para que todas aquelas persoas, asociacións, institucións e empresas que queiran visibilizarse na rede como parte da comunidade galega poidan facelo a un prezo competitivo.
O dominio continúa co seu programa corporativo de apoio a iniciativas relacionadas coa lingua, a cultura e as TIC en Galicia. Entre as actividades realizadas figura o patrocinio dos Premios Paraugas do Clúster da Comunicación de Galicia, a organización dos Premios Spin-Off PuntoGal, a colaboración coas seleccións galegas de fútbol gaélico, a organización do certame de relatos coa Real Academia Galega, o soporte ao Museo do Pobo Galego no seu programa APOI de recuperación da memoria sonora de Galicia ou a aposta co Museo do Videoxogo de Galicia na súa sala dedicada á historia do videoxogo galego.