A Coruña, 11 de maio do 2023.- PuntoGal e a Asociación de Enxeñeiros da Telecomunicación de Galicia presentarán o próximo martes día 16 de maio, un encontro virtual e que contará coa presenza da secretaria de PuntoGal, Edita de Lorenzo, o presidente da AETG e decano da COETG, Julio Sánchez Agrelo e o presidente honorífico de Enxeñaría Sen Fronteiras, Jose María Vara que levará como título “Conectividade Global Efectiva”. Este encontro consistirá nun debate no que os participantes tratarán cuestións como a achega da tecnoloxía para o ben común, a contribución das TIC ao desenvolvemento dos países e a dixitalización nas diversas comunidades humanas.
Este evento faise en conmemoración do Día das Letras Galegas e o Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2023, e terá lugar o vindeiro 16 de maio ás 12:30 horas.
A inscrición é gratuíta a través dun formulario e a conexión realizarase a través do streaming do GaiasTech e podedes atopar máis información e inscribirvos na seguinte ligazón. Este acto organizado pola AETG está enmarcado no plan de accións de difusión de 2023 para a posta en marcha de actividades para o fomento da Sociedade da Información, coa colaboración da Amtega.
PROGRAMA
- 12.30 h. Conexión telemática de asistentes
- 12.35 h. Presenta e modera: Manuel Blanco Casal, xornalista
- 12.40 h. Participan no coloquio:
- Julio Sánchez Agrelo, presidente AETG
- Edita de Lorenzo Rodríguez, secretaria PuntoGal
- José Mª Vara, presidente honorífico Enxeñería sen Fronteiras
- 13.15 h. Quenda de preguntas
- 13.30 h. Clausura
A COETG/AETG é a institución que representa á profesión de Enxeñaría da Telecomunicación. Constituídas co obxecto de velar polo polo prestixio moral, social e técnico dos enxeñeiros de telecomunicación, fomentar o compañeirismo, contribuir ao desenvolvemento e progreso de Galicia a través da difusión e potenciación das telecomunicacións, axudar aos seus asociados no desenvolvemento da súa actividade profesional.
ESF Galicia é unha asociación independente sen ánimo de lucro, baseada no voluntariado transformador, que busca contribuír na construcción colectiva dunha sociedade mundial, xusta, crítica e solidaria mediante a cooperación para a creación e uso da tecnoloxía ao servizo do desenvolvemento humano e o ben común.
PuntoGal, o rexistro galego, conta con máis de 6.800 dominios e segue traballando no seu programa corporativo de apoio a iniciativas relacionadas coa lingua, a cultura e as TIC en Galicia. Entre as actividades realizadas figura o patrocinio dos Premios Paraugas do Clúster da Comunicación de Galicia, a organización dos Premios Spin-Off PuntoGal, a colaboración coas seleccións galegas de fútbol gaélico, a organización do certame de relatos coa Real Academia Galega, o soporte ao Museo do Pobo Galego no seu programa APOI de recuperación da memoria sonora de Galicia ou a aposta co Museo do Videoxogo de Galicia na súa sala dedicada á historia do videoxogo galego.