Novas de interese, Novas destacadas, Proxectos

Fallados en Compostela os VII premios SpinOff PuntoGal

O xurado da VII edición dos Premios Spin-Off PuntoGal reuniuse o pasado martes 17 de outubro en Santiago de Compostela para elixir aos gañadores do certame. A reunión tivo lugar entre as 14:30 e as 17:15 horas e participaron na mesma cinco das seis integrantes do xurado: Edita de Lorenzo, Irene Bonome, Sonia Martínez Arca, Maria Xosé Malmierca e Andrea Muras. Actuaron como secretarios do xurado, sen voz nin voto Luis Antelo (PuntoGal) e José Luis Estévez (GCiencia).

Os membros do xurado presentes acordaron por unanimidade a concesión dos premios nas tres categorías do certame. O xurado destacou as calidades das candidaturas presentadas nas tres categorías e debateu polo miúdo sobre as diversas propostas presentadas. En total, participaban tres candidaturas no apartado Grupos de Investigación outras tres no apartado Idea Emerxente e sete no apartado Selo de Calidade.

 

Idea Emerxente: O xurado decidiu designar como proposta gañadora a Soluciones Aeronáuticas de Galicia (SAEGA), un proxecto empresarial que tres socios con 15 anos de experiencia no sector aeronáutico están a desenvolver para poñer no mercado o próximo ano un tipo de dron, o Anduriña 25, con características moi especiais. O xurado destacou especialmente o excelente deseño do plan de negocio de SAEGA e as boas posibilidades de futuro da idea empresarial nun sector que está a ter un importante desenvolvemento en Galicia nos últimos tempos. A empresa ten a súa sede na localidade coruñesa de Serra de Outes.

 

Grupos de Investigación: O xurado acordou elixir como gañador nesta categoría ao grupo Laboratorio Interdisciplinar de Aplicacións da Intelixencia Artificial LIA2, un grupo integrado no Citic da Universidade da Coruña, composto por investigadores de diferentes áreas que traballan na aplicación das tecnoloxías da información e as comunicación en diversos ámbitos. Ademais do grande interese dos proxectos que están a desenvolver, o xurado avaliou moi positivamente a presenza de mulleres no grupo e o feito de promover actuación inclusivas.

 

Selo de Calidade: Neste apartado o xurado elixiu como gañadora a candidatura da empresa Hifas da Terra, ubicada en Pontevedra, e que está a cumprir 25 anos como empresa biotecnolóxica líder en Europa na comercialización de produtos sanitarios e farmacéuticos baseados en fungos. O xurando destacou a traxectoria de éxito internacional dunha compañía que ademais amosase orgullosa da súa galeguidade e aposta polo papel da muller en postos destacados e por impulsar proxectos innovadores no seu campo.

 

A entrega de premios terá lugar proximamente en Santiago de Compostela. A data e localización da cerimonia se publicará en breve nas webs e redes sociais de PuntoGal.