Novas de interese, Novas destacadas, Proxectos

PuntoGal e o Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia asinan un convenio de colaboración

A Coruña, 10 de xaneiro de 2024.- O Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) e PuntoGal activan as súas accións de colaboración a través da sinatura dun convenio marco, onde ademais se fará chegar aos seus socios descontos á hora de obter un dominio.gal. O documento foi asinado polo presidente do CPEIG, Fernando Suárez Lorenzo e polo presidente de PuntoGal, Manuel González González.

Con este acordo retómanse as relacións para o desenvolvemento de actividades e proxectos en forma conxunta en todo tipo de asuntos que resulten de interese para ambas as entidades sexan cursos e formacións, eventos, colaboracións ou publicacións.

Formalizar a colaboración

En palabras de Darío Janeiro, director xeral de PuntoGal, “este convenio formaliza unha relación xa existente: o Colexio formou parte das entidades que apoiaron para a consecución do dominio dende a súa orixe, e foi unha das 93 entidades pioneiras en ter un dominio .gal” comentou Janeiro, que ademáis mencionou que “xa temos dado o noso apoio a algunha edición das noites da Enxeñaría en Informática de Galicia, e a outros actos organizados polo CPEIG, como o día das Rapazas nas TIC. A sinatura deste convenio marco fará máis doado afondar na nosa relación e colaboración”.

Pola súa banda, Fernando Suárez Lorenzo manifestou que Internet ofrece unha plataforma única e sen precedentes para a difusión e enriquecemento da lingua e cultura galegas, permitindo conectar comunidades, preservar tradicións e fomentar a innovación e creatividade na nosa lingua. “Desde a creación do CPEIG, apostamos pola promoción e a difusión de contidos dixitais en lingua galega, así como pola unión de esforzos e a colaboración como panca para maximizar os éxitos de todas as nosas actividades. Esta colaboración non é senón unha mostra deste espíritocolaborativo da nosa profesión”, engade.

Sobre o CPEIG

O Colexio Profesional de Enxeñería de Informática de Galicia, creado no ano 2007, conta con máis de 350 colexiadas e colexiados e ten entre as súas funcións a representación do colectivo profesional da Enxeñaría en Informática en Galicia. Entre os fins do CPEIG, atópanse a potenciación e mellora do uso das novas tecnoloxías da información e as comunicacións como instrumentos de desenvolvemento económico e social; a realización de actuacións de difusión e sensibilización orientadas ao desenvolvemento e implantación da Sociedade da Información na Comunidade Autónoma de Galicia; así como fomentar a formación de todas as persoas no uso das TIC como medio de mellora das súas capacidades persoais, en xeral,e profesionais en particular; e ser instrumento fundamental de integración e reciclaxe laboral.

Sobre PuntoGal

PuntoGal, a entidade xestora do dominio galego desde 2014, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe conta con máis de 7.000 dominios rexistrados.