Novas
PuntoGal: Un ano de comunidade galega na rede
Santiago de Compostela, 29 de decembro de 2025. – PuntoGal, entidade xestora do dominio galego na rede, pecha o ano 2025 cun balance positivo. Cunha base que supera os 7.500 dominios rexistrados, demostrou o seu compromiso coa lingua, a tecnoloxía e a cultura a través dun intenso programa que abrangueu desde a gobernanza global de Internet ata o apoio ao deporte de base.
PuntoGal reforzou a súa presenza institucional e os seus proxectos de servizo á comunidade, actuando como voceiro de Galicia nos foros dixitais internacionais e promovendo a seguridade na rede.
Ao longo do ano, a entidade mantivo unha intensa actividade internacional, esencial para a gobernanza global de internet. Destacou a súa participación nas reunións anuais da ICANN en Praga e Dublín, así como na reunión do GeoTLDGroup en Leewarden (Friesland). Nestes encontros, PuntoGal defendeu activamente a voz dos dominios que representan cidades, rexións e linguas, e promoveu o multilingüismo na rede. PuntoGal, ademais, participou nun programa da ICANN para dar a coñecer dominios que están en duncionamento que sirvan de exemplo para posibles candidatos de nova rolda, cun folleto que se pode consultar aquí.
No ámbito da ciberseguridade, a entidade uniuse formalmente á Nonprofit Cyber, a coalición mundial de entidades sen ánimo de lucro que traballan na ciberseguridade, para compartir e desenvolver estándares de boas prácticas, garantindo que o dominio .gal se manteña como un espazo seguro. Ademais, PuntoGal organizou unha xornada sobre a aceptación universal centrada na importancia do multilingüismo conxuntamente coa ICANN e os colexios profesionais galegos, afianzando o uso do galego no espazo dixital. E en novembro, celebrouse o V Encontro Galego de Ciberseguridade, Ciber.gal, onde PuntoGal colabora como entidade adherida, e que serve como espazo de xuntaza no eido da ciberseguiridade en Galicia para profesionais, empresas e a cidadanía en xeral.
En termos de Intelixencia Artificial, PuntoGal entrou como vogal no Consello Galego da Intelixencia Artificial, que foi constituído en abril deste ano. As funcións do consello serán as de axudar á administración autonómica a desenvolver unha Intelixencia Artificial adaptada ás necesidades específicas do noso territorio e proboación.
Destacado foi o lanzamento do correo electrónico en galego e de balde, omeu.gal, un correo completamente en galego e cunha identidade propia desenvolvido coa colaboración de Raiola Networks. Se queredes un enderezo de correo cun dominio .gal, con capacidade, interface moderno e seguros, recomendámosvos que o probedes.
PuntoGal amosou a súa fonda preocupación polo bloqueo de LaLiga a enderezos IP de webs durante a retransmisión de partidos de fútbol, o que podería afectar a páxinas con dominio .GAL que non teñen nada que ver coas actividades que se persiguen.
Promoción e Desenvolvemento Dixital
A entidade continuou co seu programa esencial de preservación dixital de webs galegas, en colaboración coa Biblioteca Nacional de España (BNE) e a Biblioteca de Galicia, asegurando o arquivo histórico do contido en galego para as xeracións futuras.
O apoio ao talento tecnolóxico comezou a principios de ano coa colaboración na Olimpíada Informática Galega (OIG) en Santiago de Compostela, desenvolvida polo CPEIG, que nos invitou a prticipar na celebración da súa Noite. A súa visión estratéxica quedou plasmada na publicación do artigo de Darío Janeiro, director xeral, na revista A Nosa Rede, subliñando a importancia da concienciación tecnolóxica.
O ano pechouse cunha intensa campaña de promoción: a exitosa Campaña de Nadal, que se desenvolveu entre novembro e decembro, permitindo o rexistro de novos dominios .gal a un prezo rebaixado. A campaña, deseñada pola ilustradora Maru Astray, foi fundamental para superar os 7.500 dominios activos. Durante o ano realizáronse as campañas habituais, para ofrecer acceso ao dominio a bo prezo, como a campaña de febreiro co dominio a 15€ por dous anos, ou a campaña do Día Europeo das linguas, en colaboración cos outros rexistros lingüísticos, cunha promo especial con dominios a 5€ durante os meses de setembro e outubro.
PuntoGal mantivo un calendario de patrocinios continuo, apoiando proxectos culturais, tecnolóxicos e deportivos que inciden no desenvolvemento social de Galicia. Destacando a colaboración con asociacións, que seguiu mantendo durante todo o ano, con vantaxes para entidades sen ánimo de lucro.
Educación e Innovación Tecnolóxica
O compromiso coa xuventude e as TIC iniciouse co patrocinio da XI Edición da FIRST Lego League Galicia en Ferrol, unha actividade fundamental para a robótica e o fomento das vocacións STEM entre os máis novos.
No ámbito da innovación cultural, a entidade continuou co apoio ao Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI), entidade centrada na divulgación e preservación da historia dos videoxogos como forma de expresión cultural.
Do mesmo xeito, PuntoGal celebrou varios encontros online para falar de temas como as certificacións do ENS no marco da directiva NIS2, que a mesma entidade conseguiu con calificación alta tras auditar os procedementos de seguridade do sistema de traballo. Dentro desta iniciativa, puxo a disposición das usuarias, un decálogo de boas prácticas.
Como parte do convenio marco de colaboración coa AETG, a entidade participou en xuño como patrocinador na XXIX Noite Galega das Telecomunicacións, onde se premiaron o emprendemento, a investigación e as boas prácticas xeradas no ámbito TIC galego por parte de diferentes persoas e entidades.
Cultura e Medios de Comunicación
No eido da comunicación, renovou o convenio co xornal Praza.gal para o proxecto “Vinte na rúa”, que difunde historias de vida galega a través de reportaxes. Máis adiante, o compromiso coa divulgación cultural continuou co patrocinio renovado do podcast “Cultura a todas luzes” da revista Luzes. Ademais, a PuntoGal asinou un convenio de colaboración con Nós Diario, fortalecendo o apoio aos medios de comunicación en galego.
Co gallo da conmemoración do Día das Letras Galegas e do Internet, a Asociación de Medios en Galego, Dinahosting e PuntoGal, uníronse un ano máis para organizar a campaña “Subscríbete ao galego”, onde as subscritoras participantes da campaña obtiveron de balde un dominio.gal e mais aloxamento gratis durante un ano.
No ámbito da creación literaria e a promoción da lingua, PuntoGal promoveu con éxito o Oitavo Concurso de Microrrelatos, unha iniciativa consolidada que incentiva a escritura creativa en galego, demostrando que a lingua propia ten un espazo vibrante tamén nas narrativas breves dixitais.
A presenza da PuntoGal na Feira das Industrias Culturais Galegas, Culturgal, destacou cun amplo programa de actividades e un stand participativo en Pontevedra. Alí, PuntoGal promoveu a arte en directo cunha obra de Diego Linhares, a educación tecnolóxica coa preseza da First Lego League, a realización do podcast ‘Cultura a todas Luzes’ en directo desde o stand, a presenza das asociacións de autoedición Autobán e Funfunfun, poñendo en valor o dominio como punto de encontro para a comunidade.
A entidade estivo presente nos grandes eventos do sector, destacando o patrocinio da X Edición dos Premios Paraugas de Comunicación e Marketing de Galicia.
No ámbito da preservación da memoria cultural e o patrimonio inmaterial, PuntoGal e o Museo do Pobo Galego uniron forzas na campaña “Porque cantaron, cantamos”. Esta iniciativa supuxo unha homenaxe directa ás cantareiras e o seu legado na tradición oral e musical galega, destacando o valor da súa contribución á identidade cultural de Galicia, celebrada no Día das letras galegas do ano 2025.
Tamén se mantiveron apoios a iniciativas artísticas e de creación, como os festivais de autoedición FunFunFun e Autobán.
Deporte e Tradición
A vertente máis tradicional e deportiva viuse reforzada coa consolidación do patrocinio co fútbol gaélico. Este apoio abrangueu as Gaélico Escolas PuntoGal, que contaron con preto de 3.000 participantes, e as seleccións galegas feminina e masculina, impulsando a proxección internacional desta disciplina.
Finalmente, PuntoGal mantivo a súa colaboración con iniciativas de recuperación do patrimonio, como o apoio á Folkoteca Galega… e á Irmandade dos Apañacastañas.
PuntoGal demostra así que a xestión do dominio .gal é un proxecto integral que beneficia o desenvolvemento social, cultural e tecnolóxico de Galicia no espazo da rede global.