Novas

PuntoGal impulsa o talento novo na Olimpíada Informática Galega 2026

A Coruña, 3 de febreiro de 2026. A facultade de Informática da Universidade da Coruña acollerá este venres, 6 de febreiro, unha nova edición da Olimpíada Informática Galega (OIG), na que participarán 33 estudantes procedentes de todo o país. O evento, organizado polo Colexio Profesional de Enxeñería Informática e en colaboración coas tres universidades públicas galegas, conta de novo co patrocinio de PuntoGal e constitúe a fase clasificatoria galega para a Olimpíada Informática Española e, posteriormente, para a Olimpíada Informática Internacional. 

A proba está dirixida a estudantes de menos de vinte anos que cursen ESO, Bacharelato e ciclos formativos de grao medio. Os participantes deberán resolver problemas de programación centrados no deseño eficiente de algoritmos, empregando linguaxes como C++, Java ou Python durante varias horas. Máis alá do compoñente competitivo, a Olimpíada persegue un obxectivo claro: fomentar vocacións tecnolóxicas, o pensamento lóxico e a excelencia académica nun ámbito clave para o futuro económico e social.

A relevancia deste proxecto quedou patente na pasada edición internacional, na que un estudante galego formado e seleccionado a través deste itinerario acadou medalla de prata na Olimpíada Informática Internacional. Trátase dun logro extraordinario que tivo ampla repercusión e que demostra o alto nivel do talento existente na nosa comunidade cando conta co apoio e as oportunidades axeitadas.

Un ano máis, a Olimpíada Informática Galega continúa a construír unha canteira de mozas e mozos con altas capacidades tecnolóxicas, chamados a liderar a innovación do futuro.

Máis información, na web da OIG: https://oig.gal