Novas
PuntoGal patrocinará durante tres anos máis o Museo do Videoxogo de Galicia
Santiago de Compostela, 24 de febreiro de 2026 · PuntoGal patrocinará durante tres anos máis o Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI), situado en Cangas do Morrazo. Este é o principal acordo recollido no novo convenio asinado entre o dominio galego e a Fundación Museo do Videoxogo de Galicia (MUVi).
PuntoGal continuará como patrocinador preferente do museo, reforzando o seu compromiso de apoio a iniciativas vinculadas á lingua, a cultura, a sociedade e a tecnoloxía en Galicia e contribuindo á continuidade do proxecto. O acordo contempla a presenza de marca de PuntoGal nas actividades, eventos, redes sociais, entrevistas e comunicacións públicas da Fundación MUVi.
Jacobo Martínez Nieto, director do Museo do Videoxogo (MUVI), sinala que “este acordo con PuntoGal permite reforzar a relación entre patrimonio cultural e contorna dixital, avanzar na visibilización do videoxogo galego a través da rede e impulsar accións conxuntas de difusión e comunicación, afondando nun marco compartido de lingua, cultura e identidade e abrindo novas vías de colaboración no eido cultural galego”.
Pola súa parte, o director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, dixo que esta colaboración “encaixa plenamente no programa corporativo de apoio a proxectos que promoven o uso do galego e a innovación dixital. PuntoGal foi un dos primeiros colaboradores do MUVI, un espazo de recuperación da memoria dos videoxogos galegos e en galego, pero tamén un lugar de recuperación e investigación, sen esquecer a súa vertente didáctica ou de ocio”.
A Fundación Museo do Videoxogo de Galicia é a primeira fundación en España adicada en exclusiva á historia do videoxogo. Constituída o 2 de marzo de 2020, o 20 de xullo de 2020 foi recoñecida como Fundación de Interese Galego pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia.
A entidade xorde a partires da necesidade de reivindicar o videoxogo como unha forma de cultura e de arte, vencellado coas virtudes da faceta lúdica do ser humano. Un medio de comunicación, expresión e creación, así como unha ferramenta educativa no sentido máis amplo da palabra.
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.600 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.
Sobre MUVi
O Museo do Videoxogo (MUVI) é un proxecto social dedicado á posta en valor do videoxogo como patrimonio cultural. Creado no 2019, céntrase na preservación, documentación, investigación e difusión do videoxogo con especial atención ao ámbito galego, co fin de contribuír á memoria, ao coñecemento e á proxección cultural deste medio interactivo. Para máis información: muvi.gal