Novas
PuntoGal patrocina Correntes do Atlántico, o podcast das historias dos galegos no continente americano
26 de febreiro de 2026 | Correntes do Atlántico constitúe unha reivindicación, en formato podcast, das vidas dos galegos que tiveron que emigrar a América. A serie documental, patrocinada por PuntoGal, conta cinco historias, en cinco cidades, de migrantes que volveron a Galicia e daqueles que nunca regresaron. Cada xoves, desde hoxe, un novo capítulo estará dispoñible na revista Luzes e nas principais plataformas de audio.
Correntes do Atlántico, que conta tamén co apoio da Deputación de Pontevedra, é un documental de Dona Lola Producións para Luzes. O primeiro capítulo segue a historia de Pepe Macía, que coñeceu á súa avoa en Mandín (Verín) cando en 1959 o equipo de fútbol no que xogaba con Pelé, o Santos, chegou á Coruña para xogar o Teresa Herrera.
Segundo so seu produtor, Fernando Mahía, Correntes do Atlántico é “unha viaxe sonora na busca dos contos migrantes, que tomaron en América as formas máis diferentes. Os relatos daquelas que volveron a Galicia coas maletas cheas de novas formas de comer, bailar, falar e vivir. Das que nunca regresaron e pasaron a formar parte da cultura do novo continente. E das galegas e galegos que atopamos no camiño con algo que contar”.
“Para PuntoGal, colaborar con este documental sonoro supón, por unha parte, lembrar as vidas das e dos migrantes galegos, a súa loita e as súas achegas á nosa cultura; pero tamén implica poñernos diante do espello e sinalar o dereito das persoas a buscar unha vida mellor noutros lugares do mundo, antes e agora”, sinala o Director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro. Esta colaboración forma parte do programa corporativo do dominio de apoio a iniciativas no ámbito da cultura, a lingua ou a tecnoloxía galegas.
O podcast pódese escoitar, a través de Anchor, en calquera das plataformas de audición (Spotify, Ivoox, Apple Podcast, Breaker, Google Podcast) e estará colgado no espazo de podcast da revista Luzes.
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do domino galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.600 dominios .gal rexistrados.
Sobre Dona Lola Producións
Dona Lola Producións é a empresa que creou a serie documental Correntes do Atlántico. A productora toma o nome de Dolores García quen, a mediados do século XX, emigrou desde o seu pobo nas montañas de Pontevedra ata Salvador de Bahía, en Brasil. Despois de que o seu marido falecera e a familia quedara endebedada, Dolores só tivo unha opción: saír ás rúas a vender as coxinhas de gallinha que facía pola noite para sacar aos seus fillos adiante. Esta señora pálida, vestida de loito de pes a cabeza, sería para sempre coñecida no barrio do Pelourinho cun nome: Dona Lola.