Novas de interese

PuntoGal patrocina un ano máis Vinte na rúa, da revista VINTE de Praza.gal

Santiago de Compostela, 3 de marzo de 2026. PuntoGal e a revista dixital VINTE, editada pola Fundación Praza Pública, editora tamén do xornal Praza.gal, renovan o seu convenio de colaboración para a publicación da sección Vinte na rúa, unha serie de reportaxes sobre a vida cotiá nas vilas e cidades galegas a través da mirada dos seus veciños e veciñas.

Esta colaboración, que xurdiu en maio de 2024, consolídase así para seguir ofrecendo historias en primeira persoa, achegando as distintas experiencias profesionais e vitais. Como novidade, algunhas das pezas presentaranse en formato vídeo, ampliando as canles de difusión.

Ao longo do pasado ano, Vinte na Rúa permitiu coñecer perfís moi diversos: desde libreiros e bailarinas ata a presidenta dun club de voleibol ou un músico da Orquestra Sinfónica de Galicia, entre outras persoas que compartiron o seu modo de vida e o seu labor cotián. Todas elas amosaron a riqueza, pluralidade e dinamismo da sociedade galega.

As reportaxes publicadas ata o momento poden consultarse na seguinte ligazón: i.gal/HgilU

Con esta renovación, PuntoGal e VINTE reafirman o seu compromiso coa visibilización do talento e das historias locais, contribuíndo á difusión de contidos de calidade en galego e ao fortalecemento dun ecosistema informativo dixital propio.

Sobre PuntoGal

PuntoGal é a entidade xestora do domino galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai uns 7.600 dominios .gal rexistrados.

Sobre Vinte

VINTE é unha revista e plataforma de contido multimedia vinculada ao xornal Praza.gal e dirixida a un público de entre 20 e 45 anos. Naceu a finais de 2018 coa vocación de ser “a revista para a Galicia dos anos 20” e de producir xornalismo en diversos formatos para ofrecer unha visión fresca do que pasa en Galicia en cuestións de sociedade, cultura e tendencias. Os seus contidos distribúense a través da web vinte.praza.gal e dos seus perfís en Instagram, Facebook, X e Youtube.