Novas, Novas de interese

Leewarden acolle unha reunión dos dominios do GeoTLD Group

A Coruña, 22 de setembro | PuntoGal tomou parte a pasada semana nunha reunión celebrada en Leewarden, Friesland, que xuntou aos principais dominios que representan cidades, rexións, linguas e culturas de Europa, agrupados no GeoTLDGroup.

O encontro, que se desenvolveu durante a semana do 15 de setembro, foi organizado polo dominio .frl e contou coa presenza de representantes de dominios como .gal, .bzh, .paris, .amsterdam, .eus, .wien, .hamburg, .berlin ou .alsace, entre outros. Tamén asistiron rexistradores e expertos en seguridade na rede e prevención de fraude.

A apertura correu a cargo de Nacho Amadoz, presidente do grupo e membro da área corporativa da Fundació.cat. Durante dous días, os asistentes compartiron experiencias, proxectos en marcha e accións conxuntas para reforzar a súa colaboración.

En representación de PuntoGal, o director de márketing, Luis Antelo presentou un balance das iniciativas realizadas ao longo do ano, algunhas delas en cooperación cos dominios peninsulares .eus e .cat. Entre os proxectos destacados salientáronse as campañas de ciberseguridade e de difusión da directiva europea NIS2, a celebración do décimo aniversario do dominio, o apoio a proxectos de autoedición en Galicia e a promoción dos éxitos das seleccións galegas de fútbol gaélico.

Os demais dominios asistentes expuxeron tamén a súa visión sobre o desenvolvemento do ano, as novidades lexislativas e regulatorias que se agardan nos próximos meses —tanto desde ICANN como da Unión Europea— e as súas liñas de comunicación de cara a 2026.

Finalmente, o encontro serviu tamén como preparación para a próxima ICANN Meeting, que se celebrará en outubro en Dublín, onde se abordarán cuestións máis específicas en sesións bilaterais e multilaterais.