Novas, Novas de interese

PuntoGal colabora con Luzes co patrocinio do podcast Cultura a todas luzes

A Coruña, 20 de outubro de 2025 · A revista Luzes e PuntoGal veñen de pechar un acordo de colaboración para o impulso do podcast Cultura a Todas Luzes, un espazo quincenal de análise e conversa arredor da actualidade cultural galega.

O convenio establece que PuntoGal patrocinará o programa e un especial con motivo da feira das industrias culturais, Culturgal, en Pontevedra, no vindeiro mes de novembro.

Con este convenio, Cultura a Todas Luzes reforza a súa presenza e garante novas entregas que achegan a actualidade cultural galega ao público. Para PuntoGal, pola súa parte, supón o reforzo do programa corporativo de apoio a iniciativas no ámbito da cultura e dos medios de comunicación en galego.

O podcast, presentado por Lois Blanco, leva en emisión desde o ano 2022 abordando a actualidade da cultura galega nas súas distintas manifestacións: música, artes escénicas, exposicións, literatura e audiovisual. Polo programa pasaron xa, entre outros, Lidia Cao, Brenda Mondelo, De Ninghures, Lúa Mosquetera, Luis Avilés ou The Rapants. Igualmente, fixéronse especiais de distintos eventos culturais como o Curtocircuíto en Compostela, o Festival Intersección da Coruña, a MIT en Ribadavia ou o de Cans en Porriño. O primeiro episodio está xa dispoñible nesta ligazón.

Sobre PuntoGl
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.400 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.

 

Sobre Luzes

LUZES é unha revista cultural e de actualizada editada en galego que aposta polo xénero da reportaxe extensa, coidando na expresión literaria e no aspecto gráfico. Nace en decembro de 2013, levando xa editados 144 números. A revista en papel ten a súa translación á web revistaluzes.com, con todos os contidos abertos a subscritoras. Difundimos tamén contidos en aberto en redes sociais na web luzes.gal, que aloxa tamén os podcast de produción propia e colaboradoras, así como vídeos das actividades relacionadas coa revista.