Novas de interese

PuntoGal mantén o seu apoio á autoedición galega co patrocinio dos festivais Funfunfun e Autobán

PuntoGal, a entidade xestora do dominio identificador de Galicia na rede, referenda o seu apoio ás iniciativas culturais feitas co patrocinio das dúas feiras de autoedición de fanzines e banda deseñada referenciais en Galicia, como son o Funfunfun de Compostela e o Autobán da Coruña.

 

A entidade que representa a Galicia na rede asinou os convenios de patrocinio con Neves Rodríguez e Uxía Larrosa, presidentas da Asociación Cultural Metrópoles Delirantes e Autobán, as entidades organizadoras das citas coa autoedición galega, que terán lugar en xuño e agosto en Compostela e na Coruña. O acto tivo lugar no Museo do Pobo Galego, en Santiago de Compostela, coa presenza da presidenta do seu Padroado, Concha Losada.

 

Darío Janeiro, director xeral de PuntoGal, sinala que “estes eventos representan un punto de encontro entre a actividade artística, a comercial e o ocio, que ademais se artella arredor do tecido asociativo e autoxestionado, cunha serie de valores de inclusión cos que a nosa entidade está totalmente aliñada. E o feito de que esta comunidade de creadores saia dos seus estudos para ofertar os seus produtos –engadiu– fai que unha gran parte do público vexa a riqueza das obras dos debuxantes, escritores ou artesáns locais”.

 

No caso do Movidote de Autoedición Funfunfun, o evento chega neste neste 2025 á súa sétima edición, que serve ao tempo para celebrar unha década do festival desde que se botou a andar por primeira vez, en 2015. Será este venres 6 de xuño na tenda El Muelle 131 da Rúa de San Pedro, 57, onde terán lugar a  Xornada Funkadémica, e o sábado 7 de xuño na Casa das Máquinas, en Galeras.

 

Como salienta a presidenta da asociación que impulsa a cita compostelá, Neves Rodríguez, o Funfunfun nace pola inquedanza dun grupo de persoas –artistas, divulgadoras…– por participar e dinamizar a autoedición e a banda deseñada independente na cidade. “Os tres anos de colaboración que levamos con PuntoGal supoñen para nós poder respirar e permítennos facer as cousas de mellor maneira. Porque esta é unha cousa que facemos con moito cariño, dirixida a xente de todo rango de idade, de condición e de perfil, e por iso queremos que estea ben organizada e que quen participe reciba un trato profesional en todo momento. Iso é o que nos permite este patrocinio”, salienta Rodríguez, que subliña tamén a importancia que ten que o apoio chegue “dunha entidade comprometida coa cultura feita desde Galicia e en galego”.

 

“Empezamos de forma modesta e dez anos despois seguimos de forma modesta, pero agora coa axuda de amigos como PuntoGal, e así é como queremos facer; ir mellorando, traendo e atraendo máis xente ás actividades, programando cousas que vaian máis alá da gráfica e, sobre todo, desde ano pasado, tendo presente tamén o que se move en Portugal, que está aquí ao lado, coa ambición de ser o festival referencial do noroeste na relación co país veciño”, detalla Rodríguez, que apunta tamén que todas as actividades do festival  son de balde, con acceso libre.

 

Entre elas destaca a dimensión máis académica e de investigación da xornada do venres 6 en horario de mañá no local de música autoeditada da rúa de San Pedro, na que están previstas dúas palestras –“Cor, ilustración e risografía”, da man de São Telmo, e a que ofrecerán Paula Cheshire e Afra Torrado sobre “Autoedición, edición e todo o que queda no medio”–  e unha sesión vermú con pinchadiscos, na que é a segunda edición das xornadas Funkadémicas.

 

O sábado 7 as actividades trasládanse a Galeras durante todo o día e contarán co pop-up: Ilustración na pel, por Greta Debelius, a música de Tonita, o pop-up: serígrafía, por Klausura,  a presentación de Uterzine, con Maritxu Alonso e o combate de debuxantes que presentarán Leandro Barea e Xaime Lis.  Nesta edición, segundo salienta Rodríguez, o programa quere abrirse a propostas que van máis alá da gráfica, para achegarse a outros ámbitos, como o da poesía autoeditada. “Queremos abrir o abano a outras cousas, temos moita teima con isto. Este ano quixemos contar co actor Ricardo de Barreiro e co guitarrista Guillerme Fernández, que traerán unha proposta moi chula de interpretación musical e performance”, exemplifica.  A “traca final” chegará ás 21.30 horas co concerto de Saibran Yiyi, que servirá como presentación en primicia do proxecto musical en solitario do compoñente de Boyanka Kostova.

 

A cita decana da Coruña

 

A Coruña ten a súa cita coa autoedición en agosto, coincidindo coa celebración do encontro  internacional Viñetas desde o Atlántico. “O espírito de Autobán  é promover a autoxestión, e sobre todo a autoedición, no ambito do fanzine, ademais de  dinamizar a cidade arredor de accións que teñen que ver co debuxo e co cómic. Todos os meses celebramos actividades abertas, como o clube de debuxo, con distintas temáticas e nas que a xente pode apuntarse de forma gratuíta, e que son accesibles a todo tipo de público, non só á nosa comunidade, que é máis especializada: tamén familias, xente dos barrios a onde as levamos… Sempre coa vocación de promover a autoxestion e a autoedición, especialmente no campo do cómic”, apunta Uxía Larrosa, presidenta da asociación que leva o mesmo nome que o festival, que neste ano celebra xa a súa undécima edición.

 

Os días 15 e 16 de agosto, Autobán programará charlas e actividades lúdicas para dar a coñecer os traballos das e dos artistas participantes e facer comunidade, que se sumarán ao mercado que terá lugar o sábado, ademais do xa clásico premio ao mellor fanzine galego e a festa de clausura.

 

Como subliña Larrosa, o apoio de PuntoGal, ademais de facilitar un dominio en galego para o festival,  posibilita a publicación do Autozine, o fanzine que recolle todas as actividades que Autobán  desenvolve ao longo do ano, e que logo se presenta no Culturgal. “Ademais, esta colaboración axúdanos a reflexionar, danos a oportunidade de pensar un pouco o que facemos como organización”, valora.

 

Sobre PuntoGal

PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.300 dominios .gal rexistrados.