Novas

As Gaélico Escolas Puntogal, récord de participación nas súas actividades con máis de 3.000 nenos e nenas

Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) cualifica de ano de récord de participación este 2025 nas actividades que organiza grazas ao apoio de PuntoGal. Tanto nas competicións oficiais, como a Liga ou a Copa Galega, como nas Gaélico Escolas PuntoGal marcáronse “fitos”, tal como explica o presidente da entidade, Ángel Negrete. “Todos os proxectos avanzan a un ritmo interesante e, sobre todo entre marzo e maio, houbo moito traballo, organizando eventos e iniciativas”, relata. 

O proxecto máis “ilusionante” polo seu “potencial enorme” son as Gaélico Escolas, que buscan difundir este deporte en centros educativos con demostracións, obradoiros e torneos, como o Torneo de Nadal PuntoGal. Este ano participan arredor de 3.000 nenos e nenas a través dos colexios e máis dun milleiro xogan nos torneos que se convocan. Mostra do interese dos rapaces e rapazas polo deporte foi que o Estrela Supernova, formado por rapazada do Pino, Boqueixón e Friol, converteuse en campión de Europa na categoría cadete no torneo Fèile, que se disputou en Amsterdam no mes de maio.

Tamén a Copa Galega, que se celebrou en Ribeira, “tivo a maior participación da nosa historia”, remarca o presidente da Asociación, con 20 equipos e 300 participantes, nas categorías feminina e masculina. A III Celtic Cup, que este ano contou con 8 equipos en cada modalidade, consolidouse, dí Negrete, “como torneo de referencia en Europa”, con interese xa de varios clubs de fóra de Galicia para o ano que vén. Na Liga, o equipo de Vigo Keltoi proclamouse campión por primeira vez e Estrela Vermelha, de Compostela, foron as campioas con pleno de victorias no campionato.

Nas vindeiras semanas, a Selección Galega xogará en Dublín un stage preparatorio para o Mundial do ano que vén en formato de 15 vs. 15 por primeira vez. “Este é o formato orixinal do deporte e así poderemos testar o nivel para a cita de 2026”, comenta o presidente da entidade.

PuntoGal renovou a principios de 2025, por sétimo ano consecutivo, o seu compromiso con este deporte coa sinatura do convenio de colaboración coa Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG). Actualmente hai 440 persoas federadas en Galicia e 15 equipos, 6 deles femininos. O director xeral de PuntoGal, Darío Janeiro, sinala que “PuntoGal é unha entidade cun obxectivo social e de vinculación do país que mantén un programa corporativo de colaboración con entidades que desenvolven actividades vencelladas á cultura, á lingua, á tecnoloxía ou ao deporte galegos. Os fundamentos deste deporte, ademais, encaixan á perfección co espírito de PuntoGal, de aí a nosa colaboración ininterrompida durante todos estes anos”, expón.