Novas

PuntoGal, a BNE e a Biblioteca de Galicia rematan a recollida de webs galegas

Puntogal, en colaboración coa Biblioteca de Galicia e a Biblioteca Nacional de España (BNE), rematou con éxito a novena recollida masiva do dominio .gal, que conseguiu recoller máis de 7.200 dominios.

Salvagadar o dominio .gal supón renovar o compromiso de preservar a lingua e a culturagalegas no século XXI. As páxinas web recompiladas baixo este dominio reflicten a importancia desta lingua, falada por máis de 2.000.000 de persoas, herdeira de longa tradición dende o século IX.

O gardado masivo de sitios web é un gran desafío técnico que implica varias etapas. O primeiro paso consta de obtención dunha lista actualizada do dominio en cuestión, obtida grazas ao esforzo da Biblioteca de Galicia e á colaboración desinteresada de PuntoGal, que o mantén desde a súa creación en 2014.

Máis tarde, o Arquivo web español realiza un gardado masivo de miles de sitios web. Despois dunha limpeza inicial de URL, eliminando aqueles que non existen ou que non permiten o acceso, gárdaos automaticamente un programa especializado en rastrexar e gardar páxinas web —coñecido como Heritrix— en función de límites de profundidade e tamaño preestablecidos.

O resultado é unha instantánea deste dominio que quedará para a posteridade, conservando un amplo abano de webs, neste caso máis de 7.000. A preservación da memoria dixital garante que as xeracións futuras comprendan a riqueza da nosa lingua e cultura. O dominio .gal convértese así nun arquivo vivo da cultura galega na era dixital.

Os contidos pódense consultar a través da Busca no Arquivo Web Español | Biblioteca Nacional de España. Por estar suxeitos aos dereitos de autor vixentes, só se pode acceder a eles desde os ordenadores da BNE na rede de centros de conservación distribuídos por toda España.