Novas
PuntoGal chega ao Culturgal de Pontevedra cun amplo programa de actividades e un stand participativo
Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2025 | PuntoGal estará un ano máis na Feira das Industrias Culturais, Culturgal, que se celebra entre o 28 e o 30 de novembro en Pontevedra. Como en ocasións anteriores, o dominio contará cun stand central na feira, o número 73, e participará activamente no programa con varias actividades agrupadas baixo o epígrafe PuntoGal presenta. PuntoGal conta coa colaboración de Gadis e do Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia.
PuntoGal presenta un stand participativo, onde estarán presentes as entidades e iniciativas coas que colabora, como o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade do Museo do Pobo Galego, que compila todo tipo de arquivos de son e vídeo de historias e cancións populares desde fai décadas, ou as feiras de autoedición Funfunfun (Santiago de Compostela) ou Autobán (A Coruña).
O programa de PuntoGal na feira comeza o venres ás 18:00 horas cun concurso demostración do fútbol gaélico dedicado aos máis novos. Durante 60 minutos, varios xogadores que pertencen á Asociación Galega de Fútbol Gaélico amosarán, de forma práctica, como se xoga a este deporte que patrocina PuntoGal dende hai varios anos. As persoas que participen poderán levarse como agasallos algunhas camisetas da selección galega. A actividade terá lugar na praza situada diante do stand do dominio.
Tamén no stand gravarase durante o sábado unha edición especial do podcast Cultura a todas Luzes, coa que colabora .GAL. Presentado por Lois Araúxo, por alí pasarán, entre outros Neves Rodríguez, Isabel Vigo, Ángeles Huerta, Chévere, Paco Macías (Edicións Positivas), Compañía Pistacatro, Uxía Larrosa ou a Asociación A Coletiva.
PuntoGal organiza outra actividade dedicada aos máis novos, cun Espazo First Lego League Galicia onde os equipos Mega Builder Team, de Ribeira e Ctrl + T, de Narón da First Lego League de Galicia realizarán en directo distintas construcións e explicarán aos asistentes as particularidades e técnicas para traballar con estas pezas.
Ao igual que na edición pasada, este ano tamén haberá o Combate de Debuxantes, que terá lugar o sábado ás 18:00 no Espazo Música. Alí Julia Lago, Alba Santa, Lucía Cid e Alba Chan tentarán superarse en velocidade e creatividade para plasmar no papel as ideas suxeridas polo público. Organizado en colaboración co Autobán, os gañadores elixiranse mediante a votación dos presentes.
Finalmente, o propio stand de PuntoGal formará parte do programa artístico. Diego Linhares realizará o venres e o sábado a partir das 11:30 unha intervención sobre o fondo do stand para realizar a peza “Raíces e Cultura. Pintando redes”. Esta obra parte da idea de un ser que medra e que se estende, que desfruta do proceso e de compartir a sua existencia con outros seres. As suas ramas crecen en diferentes direccións unidas por unha raiz e um talo común formando unha rede.
Ademáis, e coincidindo coa feira, PuntoGal ofrece unha promoción na alta dos seus dominios, que custarán menos de 10 euros (+IVE) desde o 22 de novembro a ta o 22 de decembro. A gráfica desta promo está realizada pola artista Maru Astray, que crea o seu imaxinario entrelazando composicións densas, liñas pesadas e cores contrastadas, que xa se converteron no seu selo de identidade. A información está dispoñible el dominio.gal.
O equipo de PuntoGal estará á disposición das persoas que visiten á feira durante toda a súa duración para informar sobre o traballo que desenvolve o dominio no ámbito lingüístico e cultural, así como para asesorar aos interesados en adquidir un dominio ou abrir unha conta de correo electrónico de omeu.gal.
PuntoGal é unha das entidades que organiza o Culturgal. Toda a programación da feira pode consultarse na páxina www.cultur.gal.
Sobre PuntoGal
PuntoGal é a entidade xestora do dominio galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.500 dominios .gal rexistrados. Para máis información: dominio.gal.