Novas destacadas

PuntoGal renova a súa colaboración coa Irmandade dos Apañacastañas

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2025 | PuntoGal renova a súa colaboración coa Irmandade dos Apañacastañas, entidade dedicada a promover a figura do Apalpador, protagonista do Nadal galego.

No sitio web oficial, www.apalpador.gal, preséntase esta personaxe mítica que, segundo a tradición, baixa pola noite de Nadal para levar agasallos ás nenas e nenos. A páxina non só ofrece información detallada sobre o Apalpador, senón que tamén inclúe referencias a figuras semellantes doutras culturas, permitindo así achegarse ao rico e fascinante imaxinario propio destas datas.

Ademais, o portal reúne diversos recursos para profundar no coñecemento do Apalpador e das celebracións do Nadal, incluíndo a posibilidade de enviarlle unha carta e compartir con el os mellores desexos para estas festas.

PuntoGal, que superou recentemente os 7.500 dominios rexistrados, desenvolve o seu labor en tres ámbitos principais: a xestión de dominios, a representación de Galicia nos organismos internacionais da rede e o apoio a iniciativas tecnolóxicas, lingüísticas e culturais.

Como non podía ser doutro xeito, o equipo de PuntoGal aproveita esta ocasión para vos desexar unhas moi boas festas.