O programa, que nesta undécima edición congregará máis de 350 participantes, busca fomentar a vocación científica e tecnolóxica entre a rapazada a través de xogos e retos por equipos este sábado 22 no campus industrial de Ferrol.
PuntoGal, a entidade xestora do dominio identificador de Galicia na rede, patrocina por oitavo ano consecutivo a FIRST Lego League Galicia, un programa dirixido a fomentar as vocacións científicas e tecnolóxicas desde a infancia a través do xogo que o vindeiro sábado, 22, celebrará no campus de Ferrol a súa undécima edición. O evento, organizado en Galicia pola Universidade da Coruña, a través da Escola Politécnica de Enxeñería de Ferrol e o Campus Industrial, congregará nesta edición máis de 350 participantes distribuídos nun total de 53 equipos de menores de entre cinco e 16 anos –dez máis que o ano pasado– e volve contar co apoio de PuntoGal, que entregará un dos premios do certame.
Este mércores tivo lugar en Ferrol a presentación desta undécima edición, que se artella nesta ocasión a través do desafío Submerged, no que os equipos de FIRST Lego League deberán empregar a tecnoloxía Lego e o seu pensamento creativo para explorar as capas do océanos e levar ata a superficie as súas aprendizaxes e ideas. O acto, celebrado no Campus Industrial de Ferrol, contou coa participación da vicerreitora do Campus de Ferrol e de Responsabilidade Social, Ana Ares Pernas; a concelleira de Educación, Universidade e Política Lingüística do Concello de Ferrol, Patricia Cons Formoso; o director do Campus Industrial de Ferrol, Marcos Míguez González; o director da Escola Politécnica de Enxeñaría, Vicente Díaz Casás, e mais do coordinador da FIRST LEGO League Galicia, José Antonio Becerra Permuy. Por parte de PuntoGal acudiu á presentación Cristina Ríos, responsable de Administración da entidade.
A xornada do día 22, que se repartirá entre o campus de Ferrol e o Auditorio, desenvolverase desde as nove da mañá e ata as seis da tarde en tres categorías: a Discover, de menores de 5 e 6 anos, e que este ano conta con catro equipos; a Explore, de participantes de entre 6 e 9 anos, e na que concorren 22 equipos, e a Challenge, onde compite o alumnado de entre 10 e 16 anos e que nesta edición terá 27 equipos. Estes deberán enfrontar o desafío Submerged desde tres áreas de traballo, como son a innovación nun proxecto científico, a integración de valores como a inclusión, a colaboración e a diversión e o “xogo do robot”, coa construción e programación dun destes dispositivos.
Os equipos gañadores irán á First Lego League SPAIN, que este ano tamén se celebrará en Ferrol o vindeiro 29 de marzo. Daí sairán os equipos que participen na edición internacional do certame.