Novas

A Olimpíada Informática Galega celebra a súa edición de 2025 este sábado 15 en Santiago de Compostela

Santiago de Compostela, 12 de febreiro de 2025 | Destinada a estudantes de secundaria, bacharelato e ciclos formativos de grao medio, a OIG ten como cometido a promoción do coñecemento da informática, presente en todos os ámbitos na actualidade e considerada troncal para a formación integral da mocidade. A competición consiste na resolución de seis problemas, centrados no deseño correcto e eficiente de algoritmos, nun prazo de tres horas mediante o uso de distintas linguaxes informáticas a elección entre C++, Java ou Python.

Os dous primeiros clasificados asistirán á fase final da Olimpíada Informática Española (OIE), que se celebrará por primeira vez en Galicia, entre o 4 ao 6 de abril na Facultade de Informática da UDC e que seleccionará aos catro estudantes de secundaria que representarán a España na Olimpíada Informática Internacional en La Paz (Bolivia), do 27 de xullo ao 3 de agosto de 2025.

Esta colaboración inscríbese dentro do marco de colaboración entre PuntoGal e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG). Ademais doutras empresas e entidades, as tres universidades públicas galegas tamén colaboran no certame.

Os detalles da competición, os premios e os resultados pódense consultar na páxina da olimpiada, oig.gal.

Sobre PuntoGal

PuntoGal é a entidade xestora do domino galego desde 2014. Constituída en 2006, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe hai en torno a 7.300 dominios .gal rexistrados.

Sobre o CPEIG

O CPEIG é o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia, unha corporación de Dereito Público creada en 2007. É unha entidade sen ánimo de lucro que representa a todos os enxeñeiros e enxeñeiras en todos os ámbitos e traballa para organizar, protexer, mellorar e velar por un adecuado exercicio da profesión.