A supervivencia de moitas linguas e culturas está, en grande medida, en mans de media ducia de xigantes tecnolóxicos, empresas multinacionais sen rostro que operan polos intereses económicos dos seus accionistas. A forma na que un algoritmo decida que aparezan os resultados de busca dun idioma incidirá directamente nos ingresos da tenda dunha peme ou na visibilización dun contido creado para conmemorar o Día das Letras. A posición que un idioma ocupe na lista de prioridades de tradución das interfaces de aplicacións empregadas todos os días por millóns de persoas facilitará a navegación en galego ou, en caso contrario, terá que ser en inglés ou en español. É un escenario preocupante.
A capacidade de influencia de idiomas minorizados como o galego fronte a Alphabet ou Meta é, no mellor dos casos, moi limitada. Porén, debe ser unha prioridade, en primeiro lugar, das administracións públicas e, despois, das empresas, das institucións, da cidadanía en xeral. Sen unha aposta decidida pola lingua no ámbito das TIC, o futuro do galego, que xa non desfruta de boa saúde, será aínda máis sombrío.
Neste marco, o dominio PuntoGal lanzou en 2024 o seu proxecto de monitorización de Google e doutros buscadores. A primeira fase consistiu na elaboración dun documento onde se recolle a situación actual das buscas, explícase o funcionamento das técnicas de SEO e do SEM e analízase o lugar que ocupa o idioma no ámbito da rede. Xunto con iso, celebrouse unha mesa de expertos en SEO en galego paraexplicitaras dificultades que ten o galego. Esta mesa de expertos debera converterse, a medio prazo, nun grupo de traballo activo neste campo. Ademais, o dominio puxo en marcha un piloto de monitorización con dispositivos ubicados en distintos lugares da nosa xeografía que lanzan buscas dunha serie de termos e permiten establecer a posición do idioma fronte ao español. Os datos destes equipos non son aínda estatisticamente relevantes, pero si permitiron estudar e resolver os problemas técnicos e loxísticos do lanzamento dun proxecto destas características.
En 2025, PuntoGal seguirá traballando no despregue desta rede de sensores e nas distintas ferramentas quepermitirán a análise dos datos que cada un deles forneza no sistema. O obxectivo é dispor de datos reais que ofrezan unha lectura sobre as buscas do galego en Google. Dita información é relevante para situarnos nun contexto real, compararnos con outras linguas que están desenvolvendo unha rede semellante -especialmente o catalán-, facer públicos de forma periódica informes e recomendacións ao respecto e mesmo facerlle chegar ao buscador estas análises para que as teñan en conta.
O proxecto intégrase nun obxectivo a longo prazo de construír mapas actualizados sobre a situación da lingua no ámbito da rede. Esta é unha tarefa da que nos sentimos directamente partícipes na nosa posición de rexistro oficial de ICANN, xestores de máis de 7.200 dominios. Nesa mesma liña, PuntoGal desenvolveu unha ferramenta que analiza os datos dos dominios rexistrados baixo o .gal, pero tamén doutras extensións populares como o .es ou o .org. Interésanos saber en que zonas da nosa xeografía hai máis dominios rexistrados, que sectores ou administracións o usan máis ou menos, que ferramentas se empregan para facer as webs, que porcentaxe das páxinas están en galego. Como no caso anterior, son números que, ordenados e presentados, debuxan realidades sobre as que poderemos actuar como sociedade.
Do mesmo xeito, o dominio colabora activamente coa iniciativa Aceptación Universal (UA) de ICANN. Este concepto refírese á capacidade de sistemas informáticos, aplicacións e plataformas en liña para recoñecer e tratar adecuadamente calquera tipo de información ou contido, independentemente da súa orixe, formato ou idioma. En termos prácticos, implica que as tecnoloxías deberían ser deseñadas e aplicadas de xeito que poidan xestionar e interpretar sen problemas caracteres, símbolos e estruturas de datos de diferentes culturas e linguas. A UA resulta fundamental para asegurar a accesibilidade e a equidade dixital, garantindo que todas as persoas, independentemente da súa procedencia ou idioma, poidan participar plenamente no mundo dixital.
Ciberseguridade
A rede é unha commodity, usámola a diario en actividades como comprar, consultar a nosa conta bancaria, estudar o comunicarnos coa familia. Co móbil, coa tablet, cos computadores, cos vehículos. Todo está conectado. O idioma no que se fagan esas comunicacións, conta. E a seguridade coa que se fagan, tamén. Por ese motivo, o dominiodesenvolve o seu propio programa de concienciación no ámbito da ciberseguridade. No último ano localizou ao galego distintas caixas de ferramentas para as pemes, os xornalistas ou as organizacións sen ánimo de lucro.
Igualmente, asinou acordos de colaboración con organismos como aInternet WatchFoundation (IWF), organización sen ánimo de lucro con sede no Reino Unido que ten como misión principal identificar e retirar da rede material ilegal relacionado co abuso infantil. Esta vía de colaboración permitirá a PuntoGal a detección temperá de dominios fraudulentos ou enganosos pensados para aloxar contidos potencialmente perigosos para a infancia. Nestes últimos anos, a IWF experimentou un crecemento significativo na súa capacidade de detección e eliminación de contido ilícito, grazas ao uso de tecnoloxías avanzadas e a un equipo de expertos. No ano pasado, a organización procesou máis de 390.000 informes de contido potencialmente ilegal, eliminando de internet máis de 275.000 imaxes e vídeos que mostraban abuso infantil.
O dominio colabora igualmente co SpanishChapter de Women4Cyber, organización de ámbito europeo que busca aumentar a inclusión e a perspectiva de xénero nos traballos relacionados coa seguridade cibernética. O convenio que asinou .gal servirá de marco para a realización de actividades conxuntas neste ámbito, como a localización en galego de ferramentas sobre ciberseguridade ou a extensión dos programas de Women4Cyber en Galicia. A través de diferentes proxectos e iniciativas, W4C Spain constitúe un espazo de colaboración onde as mulleres na ciberseguridade do mundo académico, da investigación e da industria poden compartir coñecementos, experiencias e redes de contactos, así como motivar a outras mulleres a considerar a ciberseguridade como unha profesión na que desenvolverse e crecer.
PuntoGalforma parte, finalmente, do nodo de ciberseguridade galego, Ciber.gal, e da Global Cyber Alliance, dúas entidades desde as que se traballa por unha rede máis segura e fiable para as usuarias e usuarios.
As iniciativas anteriores dan a medida da importancia de que Galicia conte cun dominio propio. En 2024, PuntoGal celebrou o seu décimo aniversario. Fíxoo cunha programación especial de actividades, que ían desde as máis lúdicas ata as institucionais. E que incluíu igualmente unha renovación do seu logotipo e da súa imaxe de marca. Se ben as conmemoracións son relevantes, o noso primeiro obxectivo é ser útiles á nosa comunidade e aos seus dereitos dixitais. O feito de manter un parque de dominios baixo o que aloxar miles de iniciativas con contido relacionado co país e a lingua xa é, per se, unha importante responsabilidade. O programa corporativo de apoio a iniciativas no ámbito da cultura, a lingua ou a tecnoloxía, tamén. Pero o noso papel debe ser tamén o de traballar por poñer en mans da cidadanía información e ferramentas útiles para o idioma. En resumo, xerar coñecemento, propoñer actuacións, concienciar e divulgar. E nesa posición queremos seguir, alomenos, outros dez anos.
Artigo publicado na revista A Nosa Rede