Proxectos

PuntoGal colabora de novo coa Irmandade dos Apañacastañas

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2024 | PuntoGal renova un ano máis o convenio de colaboración coa Irmandade dos Apañacastañas, encargada de fomentar a figura do Apalpador. Esta colaboración facilitou á entidade o dominio nos últimos anos e permitiulle a difusión das súas actividades.

 

O Apalpador é unha figura mítica do Nadal en Galicia, que a Irmandade dos Apañacastañas trata de recuperar e preservar xunto coa historia que a acompaña para as novas xeracións. Conta a lenda que no Nadal, o Apalpador baixa das devesas do Courel para repartirlles agasallos ás nenas e nenos. Entra nas súas habitacións silenciosamente e apálpalles a barriga, de aí o seu nome, para ver se están ben mantidos. Tras isto, déixalles unha presa de castañas e xoguetes.

 

En www.apalpador.gal achégasenos todo tipo de información sobre esta figura lendaria, ademais de material didáctico, diversas publicacións, experiencias prácticas, distintas ligazóns e recursos variados para aqueles que teñan a intención de difundir esta figura nos seus centros, bibliotecas ou calquera outro espazo. Sumado a todo o anterior, tamén tedes a oportunidade de enviarlle unha carta ao Apalpador e pedirlle os vosos desexos para as festas. Na páxina web, tamén se presentan outras figuras semellantes doutras culturas, que nos mostran o gran imaxinario que existe arredor destas datas.

 

Deste modo, o equipo do dominio aproveita a ocasión para desexarvos un Bo Nadal!

 

Sobre PuntoGal

PuntoGal, a entidade xestora do dominio galego desde 2014, desenvolve o seu traballo en tres ámbitos principais: xestión de dominios, representación de Galicia nos organismos de xestión da rede a nivel internacional e accións corporativas de apoio a iniciativas no ámbito da tecnoloxía, a rede, a lingua e a cultura. A día de hoxe conta con máis de 7.200 dominios rexistrados. Máis información en dominio.gal